O PSOE revalida a súa hexemonía en Pontevedra ante un PP en alza e o descalabro de Ciudadanos

Pontevedra
10 de novembro 2019
Actualizado: 23:55

Os socialistas, do mesmo xeito que en abril, volven ser o partido máis votado. Renova os seus tres deputados. O PP, que lograra dous deputados na última cita, sobe a tres á conta do trompazo de Cidadáns, que queda sen representación. Galicia En Común mantén o seu. BNG e VOX, a pesar do seu ascenso, quedan fóra

Marica Adrio, Maica Larriba, Guillermo Meijón e Tino Fernández celebrando a vitoria electoral do PSOE o 10N
Marica Adrio, Maica Larriba, Guillermo Meijón e Tino Fernández celebrando a vitoria electoral do PSOE o 10N / Diego Torrado

Non conseguiron volver gañar en Galicia pero si o fixeron en Pontevedra. O PSdeG-PSOE mantén a súa hexemonía na provincia e, do mesmo xeito que sucedeu en abril, volven ser o partido máis votado entre os pontevedreses nas eleccións xerais do 10 de novembro.

Os socialistas recibiron o respaldo de 164.910 pontevedreses, un 31,86% dos votos. É un resultado moi similar ao logrado hai apenas sete meses, cando obtiveron 185.785 votos (32,24%). Manterán, por tanto, os seus tres deputados por Pontevedra.

Guillermo Meijón, número 2 por Pontevedra, asegurou que os socialistas están "moi satisfeitos" por repetir como partido máis votado na provincia, unha tendencia que "se consolida" e que, segundo Tino Fernández, "xa non é unha casualidade nin froito dun día".

Tres representantes terán tamén no Congreso os populares, que melloran os seus resultados de abril, cita na que obtivo só dous deputados. O PP, nesta ocasión, obtivo 150.294 votos, un 29,04%, fronte os 144.290 e o 25,04% das últimas eleccións.

O presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, subliñou o crecemento dos populares na "práctica totalidad" dos municipios da provincia e apuntou que os votos a Cidadáns e Vox "no han servido para nada salvo para beneficiar a Pedro Sánchez".

O sétimo deputado por Pontevedra seguirá sendo para Galicia en Común, a confluencia galega de Unidas Podemos, que a pesar de perder máis de dous puntos en apoio popular con respecto a abril, manterá o seu asento na Cámara grazas aos seus 80.342 votos (15,52%).

Yolanda Díaz lamentou que Galicia en Común non lograse un segundo escano por Pontevedra, algo que achacou á fragmentación da esquerda, pero avanzou "seguiremos loitando nas Cortes polas demandas de toda a provincia".

O BNG, pola súa banda, pasa a ser a cuarta forza na provincia. Iso si, a pesar do seu ascenso non logra obter representación por Pontevedra. Quedou a uns once mil votos de arrebatarlle un dos tres que conseguiu o PP. Seus foron 38.836 votos, un 7,50%.

Carme da Silva, a pesar de non obter asento por Pontevedra, sinalou que este domingo é un día de "moitísima emoción" porque o BNG "fixo historia" e Galicia recupera "voz propia" cun deputado pola Coruña. "É algo que nos enche de felicidade e de alegría", engadiu.

Preto dos nacionalistas queda Vox, que tamén reforza a súa presenza na provincia ao sumar 37.610 votos (7,27%) entre os pontevedreses, case tres puntos máis que en abril.

O gran derrotado destas eleccións, sen dúbida, é Ciudadanos. Non só perde o deputado logrado en abril, senón que caen ata a sexta praza. Polo camiño deixan case sete puntos e tan só seduciron ao 4,56% dos electores, unhas 23.620 persoas.

Beatriz Pino fixo autocrítica e recoñece que "no es el resultado que queríamos" e que "no fueron buenos" para Ciudadanos. "No hay excusas", dixo a candidata por Pontevedra, que agradeceu o apoio recibido nestas eleccións.

Máis lonxe quedan a coalición Máis País-Equo, que obtén 10.076 votos (1,95%) e Pacma, que queda con 4.454 votos (0,86%).

Cos resultados que deixa as eleccións do 10 N, os deputados por Pontevedra serán Olga Alonso, Guillermo Meijón e Ángeles Marra (PSOE), María Ramallo, Diego Gago e Javier Bas (PP) e Yolanda Díaz (Galicia en Común).

O SENADO, EMPATE ENTRE PSOE E PP

Na Cámara Alta, pola súa banda, rexistrouse un empate entre os socialistas e os populares. Ambos se repartirán a partes iguais os catro senadores por Pontevedra, despois que o PSOE perdese un dos tres que obtivo en abril.

Co 98,69% escrutado, o socialista Modesto Pose volveu a ser o candidato máis votado, tras conseguir o apoio de 160.829 pontevedreses (32,17%); seguida dunha das súas compañeiras, a pontevedresa Marica Adrio, votada por 156.588 persoas (31,32%).

Os senadores polo PP serán o vigués Javier Guerra, ex conselleiro de Industria, que obtivo 154.893 votos (30,99%); e a pontevedresa Pilar Rojo, que entra no Senado tras convencer a 150.598 cidadáns (30,13%).