O peche de Abanca en Carballedo levou ao PSdG-PSOE de Cerdedo-Cotobade a recuperar unha vella demanda que xa levou ao Pleno da Corporación hai dous anos, a posta en marcha do servizo de Bono Taxi, que axudaría á poboación máis vulnerable do municipio a poder acudir á oficina bancaria máis próxima.
Os socialistas lamentan a falta de anticipación do Concello e critican que o servizo de Bono Taxi aprobouse en Pleno por unanimidade, pero aínda non está en funcionamento. Nestes momentos, sería moi necesario porque "permitiría a mobilidade dos veciños máis vulnerables á entidade máis próxima, minimizando a ausencia do servizo en Carballedo".
Permitirá á poboación trasladarse a un concello próximo onde teñan Abanca, bonificando o seus viaxes en taxi nunha porcentaxe acorde aos ingresos do núcleo familiar. Segundo indican os socialistas a través dun comunicado, o alcalde, Jorge Cubela, trasladoulles que está en fase de estudio.
Segundo sostén o PSOE, toda a zona de influencia dependería dun único transporte público a Pontevedra, un autobús cunha frecuencia de ida ás 8.00 da mañá e volta ás 13.30 horas. "Non podemos consentir que o único transporte sexa este" sosteñen, sobre todo cando parroquias como Aguasantas, Valongo, Caroi ou Loureiro dispoñen de Abanca en Ponte Caldelas ou A Lama a menos de 10 minutos.
O PSOE, co resto da Corporación municipal, apoia e defende que non se peche Abanca de Carballedo porque significa a perda de servizos no rural para unha poboación envellecida á que non lle sirve manter un caixeiro porque necesita ir a unha entidade física para poder cobrar a súa pensión.
Os socialistas lembran que en maio de 2020 xa manifestaron a súa preocupación ante a "lamentable situación de Abanca de Carballedo", pedindo ao alcalde que adoptara medidas, pois naquel momento a apertura xa se limitaba a 3 horas.