"Sorpresa" no grupo municipal do PSdeG-PSOE polos ataques de Ángel Moldes sobre a xestión realizada polos socialistas para obter subvencións, co portavoz Gregorio Agís á fronte, na súa etapa no Goberno local.
Esta semana criticaron ao rexidor por ser o "alcalde co soldo máis alto da historia do noso concello" e non entenden que, nas súas primeiras semanas ao fronte, "se ocupe en atacar á oposición, cando a súa prioridade debería ser xestionar e intentar conseguir proxectos positivos para a veciñanza".
Recorda Agís que "nos últimos catro anos impulsaron actuacións transformadoras valoradas en millóns de euros, xestionadas e acadadas polo PSOE, o IDAE, o Goberno central e a Deputación de Pontevedra, a través da área de Urbanismo e de Promoción Económica" ademais das negociacións "clave" para a ampliación da EDAR de Paxariñas ou a recuperación da Illa de Tambo.
Indican desde a agrupación socialista que "é grave" que o Goberno local afirme que non se acadaron partidas para a rehabilitación e recuperación da contorna de Saíñas, A Puntada e Portosanto; a transformación de núcleos como A Seara ou Caneliñas; a transformación do Pazo de Besada na nova sede de Servizos Sociais e do CIM, ou actuacións e reformas de servizos tanto en Tarrío como en Arén, "cando xa están ou en marcha ou finalizados" o que "denota un importante descoñecemento da situación".
O PSOE sinala que, no caso do proxecto de Viñas - As Laxes, "esta é unha actuación que, coma calquera outra, se presenta a diferentes convocatorias para acadar as subvencións e agora tócalle a Moldes demostrar se vai ser capaz de xestionar e conseguir logros similares", apuntan.