O PSOE quere abrir á cidadanía o parque da Uned

Pontevedra
30 de marzo 2019

Os xardíns poderían abrirse ao público de día e pechar de noite, ao estilo de El Retiro

Visita do PSOE aos xardíns da UNED
Visita do PSOE aos xardíns da UNED / PSOE Pontevedra

Abrir o parque da Uned para uso e desfrute da cidadanía e integralo coa zona verde do Mirador de Monte Porreiro é un dos desexos que a Agrupación Municipal do PSOE pretende facer posible no vindeiro mandato.

Trátase dun histórico proxecto reivindicado tanto polos veciños do barrio como pola propia dirección do centro educativo e que, pese a terse aprobado hai anos pola Xunta Reitora da Uned e mesmo levado ao Pleno da Corporación local en forma de moción, acabou por quedar en papel mollado.

A proposta, que suporía a asunción do mantemento desta zona verde por parte do Concello, foi recuperada nun encontro que o candidato socialista á Alcaldía, Tino Fernández, mantivo coa directora da Uned en Pontevedra, María Troncoso. Na reunión participaron tamén a número dous da lista, Gloria Blanco; o concelleiro Iván Puentes; os candidatos a congresista e senadora Guillermo Meijón e Marica Adrio, e o responsable da área de Educación da Agrupación Municipal do PSOE, Rafael Cotelo.

O PSOE tamén propón rebaixar a un euro o custe do billete do autobús a Monte Porreiro e fixar tarifas especiais para estudantes, familias numerosas, persoas que cobren subsidios, desempregados e maiores.

Pola súa banda, o candidato ao Congreso por Pontevedra, Guillermo Meijón, incidiu na relevancia de potenciar o posicionamento da Uned, xa que "é un paraugas educativo que non podemos perder" e que ten incluso máis alumnos da cidade matriculados que o campus da Universidade de Vigo. "As universidades privadas a distancia, que ás veces semellan unha especie de chiringuitos de estudos baratos, son una ameaza que nos preocupa moitísimo", indicou.

Arquivado en