O PSOE proxecta a construción dun anfiteatro ao aire libre en Valdecorvos ou Monte Porreiro

Pontevedra
23 de abril 2019

Os socialistas impulsarán tamén un ‘Festival de Teatro Valle-Inclán’ en irmandade cos que se celebran noutras cidades europeas como Edimburgo

Membros da Agrupación Socialista en Pontevedra
Membros da Agrupación Socialista en Pontevedra / PSOE de Pontevedra

Impulsar a construción dun anfiteatro ao aire libre para acoller concertos de música e representacións teatrais é unha das propostas "estrela" do programa cultural do PSOE que Tino Fernández quere facer realidade no vindeiro mandato.

Segundo os socialistas, o novo auditorio (ao estilo do que existe en Castrelos, en Vigo) contaría con emprazamentos idóneos nos terreos da urbanización de Valdecorvos e tamén no parque do Mirador de Monte Porreiro.

"No caso do Mirador, o contorno é unha ventaxa excepcional, xa que as gradas do anfiteatro poderían mirar cara a ría e a paisaxe sería un verdadeiro espectáculo. Pola súa banda, en Valdecorvos existen parcelas cunha pendente suave, e polo tanto, con boas condicións para unha infraestrutura deste tipo", explica o candidato do PSOE á Alcaldía de Pontevedra.

Segundo sinala Fernández, este tipo de auditorio faría posible a diversificación da 'carta' de eventos culturais que oferta a cidade, "xa que nestes intres carecemos dun espazo destas características, ao aire libre, para desfrutar de espectáculos como un concerto de música clásica, unha ópera, un musical, un ballet ou unha obra dramatúrxica con repartos ou montaxes de certas dimensións".

Tal e como subliña o líder dos socialistas, o futuro anfiteatro permitiría ademais incrementar o atractivo dalgunhas das citas máis relevantes do calendario festivo e cultural de Pontevedra, ao acoller "nunha localización absolutamente privilexiada", concertos, actuacións e espectáculos vencellados á Feira Franca, as Festas da Peregrina ou o Festival Internacional de Jazz.

Non obstante, a agrupación municipal do PSOE tamén contempla no seu programa a posta en valor da Praza de Touros de Pontevedra "como o grande anfiteatro que é" para a celebración de actividades de carácter cultural, se ben "será preciso negociar un novo convenio de colaboración ou, cando menos, darlle un impulso ao que se vén asinando, que está totalmente infrautilizado".

FESTIVAL DE TEATRO

Por outra banda, o xenial dramaturgo, poeta e novelista arousano Ramón María del Valle-Inclán daríalle nome ao Festival de Teatro co que o PSOE pretende potenciar as representacións na rúa e o talento local. O evento proxectado polo grupo socialista promoverá a irmandade e o intercambio cultural cos festivais internacionais que se celebran noutras cidades europeas, como a urbe escocesa de Edimburgo.

O programa co que o PSOE concurrirá ás eleccións do vindeiro 26 de maio tamén quere impulsar as potencialidades de Pontevedra como cidade cinematográfica, a través dunha extensa actividade fílmica organizada en colaboración coa Universidade de Vigo, o Cineclub, as produtoras, os artistas e outros axentes culturais.

Baixo o epígrafe ‘Unha Pontevedra de Película’ (e co obxectivo de proxecta-la nosa imaxe turística), celebraranse talleres, cursos, congresos e mesmo un ‘Festival de Documentais’, que permitirán a promoción das producións audiovisuais que teñan Pontevedra e a súa comarca como espazo de rodaxe e creación.

Arquivado en