O PSOE protesta polo "estado calamitoso" da Rúa Mollabao

Pontevedra
27 de setembro 2018

Os socialistas comprobaron o mal estado do viario nalgunhas zonas e piden ao goberno local "unha actuación integral e non un lavado de cara", xa que a previsión do Concello é que se acometa un bacheado do firme

Estado da Rúa Mollabao
Estado da Rúa Mollabao / PSOE de Pontevedra

O portavoz local do Partido Socialista en Pontevedra, Agustín Fernández, solicitou ao Concello unha "actuación integral e non un lavado de cara" na Rúa  Mollabao.

Fernández visitou este pequeno viario, situado entre a rúa Rosalía de Castro e a de Cobas, acompañado dun grupo de veciños, cualificando o seu estado de "calamitoso" nalgunhas zonas.

Alí o goberno local, asegura o socialista, pretende acometer un simple bacheado do firme, o que supón "pan para hoxe e fame para mañá", xa que "se non se asfalta en condicións e ábrense cunetas, o que se faga durará un inverno. Será diñeiro tirado", defendeu.

A rúa Mollabao é un viario estreito no que non pasan dous coches simultaneamente e que, denuncia o PSOE, conta con maleza desde a súa entrada e numerosas fochas.

Para esta zona Agustín Fernández reclamou ademais que se implante o sentido único de circulación e que se habiliten puntos de recollida de lixo selectivo, xa que "en materia de recollida de residuos a zona está como hai 20 anos", criticou.