O PSOE propone un viveiro de empresas para produtos agrícolas para Xeve e Bora

Pontevedra
01 de marzo 2019

O proxecto socialista contempla a creación dunha "marca verde" para cultivos procedentes das hortas e veigas destas parroquias

Xuntanza do PSOE de Pontevedra cos veciños do rural
Xuntanza do PSOE de Pontevedra cos veciños do rural / PSOE de Pontevedra

Dar a coñecer e comercializar os produtos agrícolas cultivados nas hortas é o obxectivo esencial do viveiro de empresas que o grupo municipal do PSOE pretende poñer en marcha no contorno de Xeve e Bora.

O proxecto socialista, deseñado en base ao éxito obtido por outras iniciativas semellantes e a partires de conversas cos veciños da zona, contempla a creación dunha "marca verde" que serva como selo de calidade para os cultivos procedentes das veigas destas parroquias.

O proxecto completaríase coa posta en funcionamento dun viveiro de empresas "vencellado ao mundo agrícola e gandeiro", que permita "obter rendementos" deses cultivos provintes de hortas e veigas das parroquias e "xerar emprego de calidade".

A iniciativa enmárcase dentro dun paquete de medidas co que se pretende corrixir a "débeda histórica" que o Concello foi contraendo cos 15 territorios do rural pontevedrés, "ao xerar unha evidente situación de desequilibrio e discriminación con respecto á área urbana".

Tal e como sinala o candidato do PSOE á Alcaldía, Tino Fernández, resulta "patente e visible que o nivel de investimentos e de mellora das parroquias non é comparable, lamentablemente, ao avance que se produciu no centro da cidade", polo que cómpre poñer énfase en corrixir esta situación durante o vindeiro mandato.

Así llo transmitiu en persoa aos veciños de Verducido e Santa María de Xeve en recentes xuntanzas, nas que estivo acompañado por Marcos Rey, membro da súa candidatura e presidente dos comuneiros e da asociación veciñal de Verducido, así como por outros cargos do equipo socialista. 

 

Arquivado en