O PSOE propón reconverter o antigo vertedoiro do Rapadiño nun refuxio animal

Pontevedra
08 de maio 2019

Crear un refuxio animal municipal con espazos diferenciados para a acollida de cans, gatos e outras especies. É unha das principais propostas que, en materia de protección animal, inclúe o PSOE nos seus compromisos de cara ás eleccións municipais

Cans nas instalacións do Refuxio de animais de Campañó (Pontevedra)
Cans nas instalacións do Refuxio de animais de Campañó (Pontevedra) / Mónica Patxot

Crear un refuxio animal municipal con espazos diferenciados para a acollida de cans, gatos e outras especies. É unha das principais propostas que, en materia de protección animal, inclúe o PSOE nos seus compromisos de cara ás eleccións municipais.

Con este proxecto recuperaríase a proposta elaborada polos socialistas no ano 2009, adaptándoa á lexislación actual en materia de medio ambiente e sustentabilidade. As instalacións estarían nos terreos do antigo vertedoiro de O Rapadiño (Cerponzóns), ocupando unha superficie duns 1.672 metros cadrados.

Trátase, como salienta o candidato do PSOE á Alcaldía, Tino Fernández, dunha medida coa que o seu partido quere garantir unha "boa convivencia" entre os humanos e os animais "libres, semidependentes e en catividade " que habitan no termo municipal de Pontevedra.

Ademais, outra das medidas "urxentes" que se recollen no programa socialista consiste na elaboración dunha ordenanza de protección e coidado animal, que se complementaría con actuacións para adaptar e mellorar as condicións da cidade como a creación de parques para cans no contorno do paseo fluvial do río de Os Gafos e da rúa Camiño de Ferro, entre outras. 

Os socialistas propoñen tamén crear un protocolo para que a Policía Local colabore na loita contra o abandono e saiba como actuar ante diferentes situacións, deseñar campañas de fomento da adopción, instalar casetas e carteis informativos sobre as pragas e colonias de animais ou dotar de orzamento e materiais ás asociacións animalistas.

Fernández sinalou que será necesario incrementar as actuacións dirixidas a sensibilizar aos propietarios de animais domésticos sobre as súas obrigas e responsabilidades e por desenvolver campañas puntuais para evitar o abandono, sobre todo en zonas rurais.

O programa do PSOE tamén prevé que se redacte unha declaración municipal para a convivencia e os dereitos dos animais e a promoción do labor que realizan os servizos de acollida, con obxecto de acadar unha maior implicación da cidadanía a través do voluntariado.

Arquivado en