O grupo socialista levará ao próximo pleno da corporación municipal unha moción na que solicitan ao Goberno local diversas actuacións de mellora no Polígono de Barro.
Os socialistas requiren que se designen as rúas do parque empresarial con nomes de persoas, colectivos, palabras ou accións singulares.
O portavoz socialista, José Sanmartín, sinala que "é imprescindible a sinalización de rúas cos seus nomes correspondentes para que as empresas dispoñan dunha mellor localización nas direccións sociais e fiscais, xa que actualmente están direccionadas unicamente como número de parcela, provocando confusións en clientes e transportistas".
Neste sentido, o grupo socialista propón que a rúa do Polígono onde están situadas as dúas naves de Froiz leven o nome de "Rúa Magín Alfredo Froiz Planes", en homenaxe ao empresario recentemente falecido, "xa que o seu grupo corporativo dá traballo a mais de seis mil persoas na provincia".
Noutros puntos da moción, o PSOE demanda a mellora das zonas verdes, "actualmente en estado de abandono", e a creación dunha zona de esparexemento na parcela municipal de entrada ao polígono que, ao tempo, "favoreza a imaxe deste acceso".
Así mesmo, pide unha maior frecuencia da recollida do lixo que se acumula nas papeleiras ou mesmo a retirada das mesmas.