O PSOE propón a urbanización do último treito de Ernesto Caballero

Pontevedra
10 de abril 2019

Tino Fernández promete un plan de humanizacion que incluirá o ensanche de beirarrúas e a creación de rúas de plataforma única no Castañal

Reparto de propaganda electoral do PSOE en Pontevedra
Reparto de propaganda electoral do PSOE en Pontevedra / PSdeG-PSOE Pontevedra

O Partido Socialista incorpora no seu programa electoral para os vindeiros comicios municipais unha proposta para acadar a conexión da urbanización de Valdecorvos coa rúa Loureiro Crespo e, a través dela, co centro urbano, mediante a reforma do último treito da rúa Ernesto Caballero.

O plan de urbanización dos socialistas levaríase a cabo no entronque deste vial coa rúa da Sequiña, nos 40 metros finais.

Segundo explicou o candidato do PSOE á Alcaldía de Pontevedra, Tino Fernández, esta proposta forma parte dun programa integral de actuacións no que tamén se inclúe a execución dun plan de humanización específico para O Castañal e Loureiro Crespo. 

"Hai un plan de humanización pendente de realizarse dende fai anos, que rondaría os 2,5 millóns de euros e que quedou no caixón do esquecemento. Ímolo facer realidade dunha vez", asegura Fernández.

O paquete de actuacións que os socialistas pretenden desenvolver no contorno de O Castañal, Valdecorvos e Loureiro Crespo inclúe a dotación de novas áreas de lecer, parques infantís e canchas polideportivas, así como a ampliación e mellora das existentes. Segundo sinala Tino Fernández, "trátase dunha das zonas de meirande crecemento poboacional da cidade", polo que considera que é preciso optimizar a ratio deste tipo de infraestruturas de deporte e esparcemento.

No programa do PSOE tamén figuran a mellora da limpeza viaria, a reposición dos contedores de lixo, o impulso de campañas periódicas de desratización, e un plan de mantemento e conservación de bens municipais (sumidoiros, paseos peonís...) para esta zona da cidade, na que se vixiará especialmente a limpeza das fincas sen edificar. 

A candidatura socialista daralle prioridade á mellora da rede de alumeado público, atendendo á demanda da veciñanza. Esta promesa esténdese tamén ás luces e á decoración que o Concello instala con motivo das festas de Nadal, Entroido ou a Peregrina, que o equipo que encabeza Tino Fernández, "que agora mesmo deixan bastante que desexar".

Asemade, a agrupación municipal do PSOE considera imprescindible o deseño dun plan de dinamización comercial nesta zona.

Arquivado en