O PSOE propón 16,5 quilómetros de carrís bici de nova creación en Pontevedra

Pontevedra
03 de maio 2019

Os socialistas levan no seu programa a idea de dotar de carrís bici ás principais "arterias" con dobre sentido de circulación do casco urbano

Carril bici do campus
Carril bici do campus / Universidade de Vigo

Un dos principais proxectos de mobilidade que o PSOE quere facer realidade no vindeiro mandato é xerar un anel ciclista que permita circunvalar o casco urbano en condicións de seguridade polas rúas con máis tráfico e máis perigo para os usuarios da bicicleta. Citan nomeadamente as avenidas de Vigo, Bos Aires, Uruguai, As Corvaceiras, María Victoria Moreno, 12 de Novembro e Xosé Malvar.

A malla urbana de carril bici deseñada polos socialistas a proposta da asociación Pedaladas tamén contempla as conexións do campus universitario co centro da cidade e a futura estación intermodal e a do casco urbano e as vías antes sinaladas con barrios e parroquias de Mollavao, O Burgo, Monte Porreiro, Estribela, Lérez, Tomeza ou Mourente.

Segundo sinala o concelleiro socialista Iván Puentes, os treitos de nova creación que se propoñen traduciríanse en 16,5 quilómetros de carril bici, máis do dobre dos 7,85 quilómetros existentes na actualidade.

Non obstante, Puentes entende que, "nas rúas que son de sentido único, teñen un só carril de circulación e un límite de velocidade de 30 km/h, é dicir, as de practicamente todo o centro de Pontevedra, as bicicletas deberían poder circular en sentido contrario ao dos coches". Para facelo posible en condicións de seguridade, ampliaríase o espazo dispoñible, con solucións como (no caso de rúas como Cobián Roffignac) a eliminación de bolardos e o pintado dunha liña específica reservada para a circulación de bicicletas.

No que atinxe ás estradas e vías con dobre sentido de circulación ubicadas no contorno do centro urbano, como é o caso das avenidas de Bos Aires, Uruguai e As Corvaceiras, o concelleiro socialista considera "inescusable" a creación dun carril bici, xa que "aí, por moito que haxa sinais de 30 km/h e lombos, é obvio que os ciclistas non van seguros pola calzada e menos aínda se, por exemplo, levan a nenos pequenos nunha cadeiriña".

A rede de carrís bici deseñada pola agrupación municipal do PSOE plantexa a creación dunha arteria esencial que conecte as estacións de trens e autobuses co campus universitario, a través de Alexandre Bóveda, a ponte dos Tirantes, a rúa José Malvar e a pasarela da rúa 12 de Novembro (baixando por detrás da Cidade de Pedra). Asemade, en conexión coa malla urbana, contémplase tamén un carril bici que unirá Pontevedra co concello de Marín.

Asemade, os socialistas respaldan a revindicación do colectivo Pedaladas de conectar mediante carrís bici os viais de acceso e circunvalación do Hospital Montecelo.

Arquivado en