O PSOE promove unha ordenanza que regule as axudas á participación de deportistas en competicións oficiais

Pontevedra
23 de febreiro 2019

O borrador foi redactado coa colaboración de deportistas de elite e establece os criterios que rexerían a convocatoria de bolsas e axudas para deportistas que destaquen nas súas disciplinas na súa participación en competicións oficiais de carácter individual 

Tino Fernández, falando con edís do BNG no pleno
Tino Fernández, falando con edís do BNG no pleno / Mónica Patxot

O grupo municipal do PSOE lembrou este sábado casos como o da loitadora Lydia Pérez Touriño, do Club de Loita Pontevedra, que o ano pasado atopou serias dificultades para viaxar a un Campionato de Europa porque non podía asumir o prezo do billete de avión; ou o da Escola Hungaresa de Esgrima de Pontevedra, que non recibiu a axuda necesaria para participar nun Campionato Europeo en Xerusalén. Puxo ambas as dúas situacións como exemplos das consecuencias de que o municipio careza dunha regulación para a concesión de axudas a deportistas para a súa participación en competicións oficiais. 

En contraposición a estas situacións, que "deixan un sabor moi amargo", o voceiro local do PSOE, Tino Fernández promove unha Ordenanza de Axudas a Deportistas Individuais. O borrador xa está elaborado e contaría cunha partida inicial específica de 35.000 euros (ampliable, se fora preciso) nos orzamentos municipais. 

O borrador foi redactado coa colaboración de deportistas de elite e establece os criterios que rexerían a convocatoria de bolsas e axudas para deportistas que destaquen nas súas disciplinas para a súa participación en competicións oficiais de carácter individual. Desta forma, evitaríase a actual "arbitrariedade e discrecionalidade" á hora de conceder axudas a deportistas. 

O documento inclúe criterios obxectivos e de carácter técnico que sexan coñecidos por todos con anterioridade e, segundo destaca Tino Fernández, ven cubrir un "baleiro" que existe na actualidade, pois todas as achegas económicas que realiza o Concello neste eido van dirixidas a clubs ou entidades deportivas polas súas actividades ao longo do ano ou tempada, pero non existe ningunha liña individual coma esta.

Así, no caso dun piragüista, un rapaz que corre na Ximnástica ou unha moza que compite en taekwondo, hai unha axuda para o club, pero non unha para que eles poidan, por exemplo, pagar unha viaxe dunha competición ou mercar unhas zapatillas. Segundo Tino Fernández, ese baleiro "vense cubrindo ata o de agora cunha partida orzamentaria da que dispón o alcalde de xeito absolutamente discrecional"

Ademais, considera que as axudas aos clubs cumpren unha función esencial, pero, na súa opinión, cando existe unha situación na que alguén destaca e vai a un campionato de España, de Europa ou do Mundo, "que menos que axudarlle con cuestións como os desprazamentos".

Segundo a opinión do voceiro socialista, os deportistas individuais son os que máis rendemento lle están a dar a Pontevedra, polo que "non é de recibo" que alguén como Álvaro Fernández Fiuza, dúas veces campión do Mundo de Piragüismo na especialidade de maratón, "non teña nin sequera alguén que lle merque unha pá".

O borrador da Ordenanza entregarase a clubs, deportistas e outros grupos políticos de cara a engadir as modificacións que se estimen oportunas e vaise presentar a través do Rexistro plenario nos vindeiros días, de cara ao seu debate e informe pola correspondente Comisión.  

Arquivado en