O PSOE promete convertir a pasarela da Seca nun novo parque

Pontevedra
17 de marzo 2019

O plan comprometido polos socialistas, que inclúe a posta en valor da antiga fonte, prevé a limpeza e rexeneración integral dun barrio "en absoluto estado de abandono"

Tino Fernández visita o barrio da Seca
Tino Fernández visita o barrio da Seca / PSOE Pontevedra

A Agrupación Municipal do PSOE cre que o barrio da Seca é un dos máis abandonados por parte do Concello de Pontevedra, e por iso deseñou un proxecto de humanización no que se contempla a rexeneración e aproveitamento da pasarela sobre a vía do tren para dotar dun novo parque público, así como a creación dunha área de xogos para nenos.

O candidato do PSOE á Alcaldía, Tino Fernández, entende que resulta preciso levar a cabo "unha actuación urxente" que inclúa "tanto a mellora dos espazos comúns como a adxudicación de axudas individuais para a rehabilitación dalgunhas vivendas que se atopan nunha situación lamentable".

Ademais de optimizar a hixiene das beirarrúas e do espazo público, o PSOE tamén se compromete a por en marcha medidas para acadar a limpeza e mantemento das fincas privadas.

O proxecto do socialistas tamén contempla o arranxo e posta en valor da antiga fonte de pedra da Seca.

 

Arquivado en