O PSdeG-PSOE presentou este martes a candidatura coa que se presentará ás eleccións autonómicas do 25 de setembro pola provincia de Pontevedra dando protagonismo, precisamente, ao número 1 da lista, Abel Losada, e cunha felicitación aos socialistas da cidade de Pontevedra polo seu traballo en contra do proxecto de Hospital Único en Monte Carrasco que tiña a Xunta de Galicia e que recentemente decidiu apartar apostando pola ampliación do actual hospital de Montecelo que demandaban os partidos da oposición a nivel galego, isto é, os socialistas, o BNG e AGE.
"Quero felicitar aos socialistas de Pontevedra, da cidade, por ter combatido un segundo experimento privatizador en Monte Carrasco", aplaudiu Abel Losada, que se manifesta contento de que "por fin haxa en Pontevedra un hospital público cen por cen" fronte ao que acontece na cidade de Vigo co Alvaro Cunqueiro, do que asegura que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "regalou a Acciona" porque "só se preocupaba das contas".
A polémica candidatura, modificada pola xunta xestora do PSOE galego e polo Comité Federal de Listas en Madrid despois de ser aprobada pola agrupación socialista provincial, está encabezada por Losada e conta no número 2 coa pontevedresa Patricia Vilán, deputada nas dúas últimas lexislaturas do Parlamento de Galicia. O número tres é Julio Torrado Quintela, no catro vai María Luisa Pierres López, no cinco preséntase Gonzalo Caballero Míguez e completan os postos de saída, por orde, Marta Giraldez Barral, Luis Antonio Gómez Piña, Alexandra Martínez Gómez, Pablo García García e María Yolanda Rodríguez Rodríguez.
A candidatura presentouse na confluencia entre as rúas Raíña Vitoria e Alameda de Pontevedra coa presenza do candidato do PSdeG á Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, que insitiu en que na provincia de Pontevedra "temos un magnífico equipo" que "aúna renovación e experiencia" e que "vén de todas as partes da provincia". Trátase, segundo o líder socialista, dun "equipo que conecta con esa tradición municipalista e esa realidade municipal".
A lista socialista por Pontevedra é, segundo Leiceaga, un "equipo gañador" e, en conxunto co resto das candidaturas das provincias, axudará a que queden 25 días "para que sexamos capaces de derrotar a dereita e de dar paso a unha alternativa progresista liderada polo PSOE para a Xunta de Galicia".