O PSOE preguntará á conselleira de Medio Ambiente que pasa co dragado do fondo da ría

Pontevedra
19 de marzo 2018

Entenden que debería dimitir o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, por incumprimento dunha promesa que fixera Álvarez Campana no ano 2009. A deputada socialista Patricia Vilán cre que falta decisión por parte da Xunta para abordar o problema

Patricia Vilán e Tino Fernández, do PSOE, amosan como o lodo está cegando a ría
Patricia Vilán e Tino Fernández, do PSOE, amosan como o lodo está cegando a ría / PontevedraViva

A deputada socialista Patricia Vilán formulará a través do grupo parlamentario do PSOE unha pregunta para que a conselleira de Medio Ambiente responda sobre o proxecto para a dragaxe e a rexeneración do fondo da ría de Pontevedra.

Este luns, Patricia Vilán e o voceiro do grupo municipal socialista Tino Fernández explicaban que esta petición se remonta ao ano 2006. A solicitude céntrase na eliminación de lodos en cinco quilómetros situados entre a ponte do Burgo ata o dique dos Praceres. Trátase dunha demanda por parte do sector marisqueiro, pesqueiro, deportivo e ambiental.

Os socialistas lembran que o Concello, o Club Naval de Pontevedra e as confrarías solicitaron estes traballos de dragaxe. En 2009 o que entón era presidente de Portos de Galicia, José Manuel Álvarez Campana anunciara o inicio desta actuación e a idea de crear unha futura estación marítima con transporte de pasaxeiros pola ría pontevedresa.

En 2016, Portos de Galicia anunciaba que a finais de 2018 estaría finalizado e licitado o proxecto. Pero dende o PSOE sinalan que se descoñecen as alegacións que se presentaron a esta iniciativa e que pasos se van dar mentres denuncian que a ría e o Lérez se están a cegar dificultando a entrada de embarcacións.

Por este motivo, o mércores 21 pola tarde preguntarán á conselleira Ángeles Vázquez cando se licitará este proxecto de dragaxe e rexeneración.

Tino Fernández indicou que se a Alfonso Rueda e a Núñez Feijóo, vicepresidente e presidente da Xunta, lles importara a ría de Pontevedra xa tería destituído ao presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, ao incumprir a promesa de solventar o problema da ría.

Patricia Vilán lamenta a falta de decisión por parte da Xunta ante a falta de consenso sobre en que punto da ría debe verterse a lama que se retire. Os socialistas afirman que para evitar acometer este proxecto, a Xunta buscou como desculpa este desencontro entre os colectivos afectados sobre se verter a lameira despois de Tambo ou despois de Ons.