As deputadas socialistas Patricia Vilán, María Quintas, Carmen Gallego e Carmen Acuña, presentaron ante a Mesa do Parlamento galego unha serie de preguntas sobre os últimos datos do paro na cidade de Pontevedra.
Segundo xustifican estas deputadas no texto que acompaña ás preguntas "no conxunto de Galicia o desemprego supoñía, no último cuadrimestre do ano 2013, un incremento de 115.100 persoas desempregadas máis con respecto ao primeiro trimestre de 2009, momento no que Feijóo accedía ao Goberno da Xunta de Galicia".
E engaden que durante a presidencia de Núñez Feijóo, o paro na nosa Comunidade Autónoma aumentou nun 70,31%, fronte ao 47,01 % do conxunto de España, sendo, polo tanto, un 50 % superior.
"Semella que a única política de emprego do Goberno do PP consiste na reforma laboral de Rajoy, na destrución de emprego estable e no traballo do presidente da Deputación Provincial de Pontevedra a prol da bonificación a determinadas empresas", di o escrito registrado no Parlamento.
"Empresas que cheguen a acordos con traballadores indefinidos para a rescisión dos seus contratos -a través de baixas incentivadas-, contratando de novo en peores condicións laborais", apunta o ducumento.
Polo exposto, as deputadas formulan as seguintes preguntas para o seu debate en Comisión:
- Cal é a análise do Goberno da Xunta de Galicia sobre os datos do paro en Pontevedra no cuarto trimestre de 2013?
- Ten previsto o Goberno a adopción de medidas que poñan fin ao desemprego de 8.505 persoas en Pontevedra cidade?
- Ten previsto o Goberno a adopción de medidas específicas que poñan fin ao desemprego de 4.403 mulleres en Pontevedra cidade?
- Que tipo de controis ten feito o Goberno da Xunta de Galicia dos datos dos contratos con empresas que reciben bonificacións por parte da Deputación Provincial de Pontevedra?
- Fixéronse controis das baixas laborais nesas empresas? Cales?