O PSOE pontevedrés recoñece que "non cubrimos as expectativas" e chama a una reflexión "con calma"

Pontevedra
13 de xullo 2020

Paloma Castro asume que "o resultado non foi obviamente o esperado" e promete que "vou traballar a reo desde a oposición para que a voz de Pontevedra se escoite no Parlamento galego" e que vai "fiscalizar moi de cerca" a Feijóo para "evitar que continúe a discriminar a nosa cidade e a nosa provincia"    

Seguemento da noite electoral entre os militantes e cargos do PSOE no Cafetín
Seguemento da noite electoral entre os militantes e cargos do PSOE no Cafetín

O resultado electoral deste domingo 12 de xullo non era o esperado na agrupación socialista de Pontevedra, que confiaba en que entraran no novo Parlamento galego dous dos seus integrantes, Paloma Castro como número 3 da lista pola provincia e Rafael Cotelo no número 9. Finalmente, tan solo a actual concelleira de Igualdade e Benestar Social logrou un escano na Cámara, pois o PSdeG sumou na provincia 5 únicos deputados. 

Estes cinco escanos son un máis que hai catro anos, pero Maica Larriba, secretaria local do PSOE, recoñeceu que "non cubrimos as expectativas", que eran "moi altas e moi esperanzadoras". A desilusión chega porque o seu obxectivo era Galicia, pero, como pontevedreses, si se consideran "satisfeitos" dos resultados na provincia

O actual portavoz do PSOE no Concello de Pontevedra e tenente de alcalde, Tino Fernández, tamén recoñeceu esta decepción desde o ‘cuartel xeral’ socialista instalado no Cafetín de Pontevedra. "Sufrimos un estancamento mentres que o BNG é capaz de arrastrar todos os votos da Marea para os seus postulados, o que fai subir moito" asumiu, despois de felicitar ao PP pola súa "vitoria democrática" aínda desde a "discrepancia máis absoluta" cos seus postulados políticos. 

Aínda que en Pontevedra se melloraron resultados, recoñece que é necesario "reflexionar" sobre a situación, unha reflexión "con calma", porque "non hai que tomar as cousas en quente", senón que as decisións en quente "poden non ser as adecuadas".

A xa nova deputada, Paloma Castro, tamén recoñece que "o resultado non foi obviamente o esperado" e que estes días haberá tempo para "analizalo", pero quixo insistir en dar as grazas á militancia e o traballo do seu partido, que lles permitiu mellorar resultados. 

Tamén aproveitou para prometer aos pontevedreses que, desde o Parlamento, "vou traballar a reo desde a oposición para que a voz de Pontevedra se escoite no Parlamento galego" e que vai "fiscalizar moi de cerca" a Alberto Núñez Feijóo para "evitar que continúe a discriminar a nosa cidade e a nosa provincia".

Esta nova etapa de Paloma Castro supón un cambio no grupo municipal, pois renunciará á súa condición de concelleira e entrará na Corporación Marcos Rey. Nos próximos días será oficial e suporá "recompoñer" o grupo municipal e "redistribuír as competencias". As de Igualdade vainas asumir Yoya Blanco, actual concelleira de Promoción Económica e, polo demais, segundo indicou este domingo Tino Fernández "non vai haber grandes cambios".