O PSOE pide que se elimine a Conca do Lérez formada por Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade
03 de maio 2017

No ano 2012, o PP creaba a chamada Conca do Lérez formada polos concellos de Cotobade, Forcarei, Cerdedo e Campo Lameiro, da que actualmente só quedan dous concellos

Lina Garrido, voceira do PSOE de Cotobade
Lina Garrido, voceira do PSOE de Cotobade / Mónica Patxot

O grupo socialista solicita ao concello de Cerdedo-Cotobade que se elimine a Conca do Lérez, unha organización formada actualmente polos concellos de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade. 

En 2012, o Partido Popular creara a Conca do Lérez integrando aos concellos de Cotobade, Forcarei, Cerdedo e Campo Lameiro, co obxectivo de mancomunar servizos e diminuír os custos entre estes municipios.

As disputas co Concello de Forcarei provocaron que a alcaldesa deste municipio solicitase a baixa. Segundo os socialistas, a día de hoxe non se coñece ningún proxecto importante levado a cabo nin tampouco se ofreceron datos sobre unha diminución dos gastos. O PSOE sinala que só se rexistrou algunha competición deportiva na denominada Conca do Lérez.

O PP acaba de aprobar o orzamento de 2017 onde vai incluída unha partida orzamentaria por valor de 6.000 euros obrigatoria para manter viva a Conca pero durante 2016, segundo o grupo socialista, non se rexistrou ningún movemento económico por parte desta entidade.

Por esta ausencia de actividade, os socialistas reclaman que desapareza e volven manifestar a súa oposición á "mal nada fusión entre Cerdedo e Cotobade" porque, segundo argumentan, só serve para pagar as débedas ocasionadas pola "nefasta xestión económica" de José Balseiros en Cerdedo.