A viceportavoz do Grupo Socialista Paloma Castro reclamoulle hoxe á Xunta no Parlamento Galego que desbloquee o dragado do Lérez, pendente "tras máis dunha década de promesas" por parte do goberno galego. A responsable socialista presentou unha pregunta na Comisión de Medio Ambiente na que lle reclamou ao goberno galego que cumpra cunha “débeda histórica coa cidadanía pontevedresa".
Castro advertiu de que "o paso do tempo confírmanos que non existe nin o mínimo interese por parte deste goberno de levalo adiante", logo de 3 campañas electorais consecutivas nas que o candidato do PP está a prometer un dragado que despois deixa sen executar. Lamentou que o proxecto, que iniciaba a súa tramitación en 2011, a setembro de 2021 aínda segue encallado á espera de novas análises, novos estudos medioambientais e supostos cambios no proxecto.
A parlamentaria pontevedresa afeoulle ao goberno galego que “fagan un relato interesado, intentando manipular para agochar a súa incompetencia”. Aludiu así á última "escusa" do executivo, que en abril chegou a manipular un informe do Ministerio de Transición Ecolóxica prohibindo o depósito de sedimentos de Carril na Illa de Sálvora para acusalo de frear a dragaxe do Lérez coa que non ten nada que ver.
Lembrou que dende o ano 2019 o mesmo Portos de Galicia anunciou a intención de trasladar os depósitos a un punto de vertido preto de Sálvora que desbotou polo rexeitamento do sector pesqueiro e marisqueiro. Mesmo en xaneiro de 2020 o Parlamento aprobou unha proposta socialista para que a Xunta buscara unha alternativa sostible para o depósito destes materiais, que un ano e 9 meses despois seguen sen cumprir.
Mentres tanto, sinalou, os sedimentos continúan a acumularse ata o punto de que practicamente é posible cruzar o río a pé en diversos puntos e coa marea baixa, e o propio Clube Naval ten dous pantaláns inutilizados por mor dos lodos. Acusou ao goberno galego de levar anos “permitindo o maltrato ao río con total impunidade”, facendo a vista gorda diante dos vertidos descontrolados demostrándose “alleos á realidade” e aplicando “negacionismo” á protección medioambiental.