O PSOE pide máis limpeza en Eduardo Pondal e propón parques caninos e unha zona infantil de xogos

Pontevedra
10 de marzo 2019

As propostas do PSOE para as próximas municipais centráronse este domingo no barrio de Eduardo Pondal. Tras unha visita á zona, o candidato Tino Fernández recolleu a impresión dos veciños e, ademais de denunciar a falta de limpeza, propuxo a creación de dous parques caninos e unha zona infantil de xogos no parque Amalia Álvarez

Tino Fernández, na súa visita a Eduardo Pondal
Tino Fernández, na súa visita a Eduardo Pondal / PSdeG-PSOE de Pontevedra

As propostas do PSOE para as próximas municipais centráronse este domingo no barrio de Eduardo Pondal. Tras unha visita á zona, o candidato Tino Fernández recolleu a impresión dos veciños e, ademais de denunciar a falta de limpeza, propuxo a creación de dous parques caninos e unha zona infantil de xogos no parque Amalia Álvarez.

Fernández fíxose eco do "insoportable cheiro" que están a producir os composteiros emprazados nesta área da cidade, así como o malestar da veciñanza co desempeño da empresa concesionaria do servizo de limpeza.

O líder do PSOE lembra que, a pesares de ter unha alta densidade de poboación, esta zona da cidade presenta "moitas eivas en servizos esenciais", especialmente no que respecta á súa limpeza e a súa iluminación, que nestes momentos "son pésimas".

Ademais, o candidato socialista lamentou a "abraiante lentitude" coa que se están a levar a cabo as obras de mellora na rúa de O Gorgullón, o que está a causar unha "grande perturbación" na vida dos veciños que, por outro lado, se queixan de que non se incluísen no proxecto algunhas zonas próximas que van quedar nunha situación "lamentable".

De cara o futuro, ante a elevada poboación de cans no barrio, o PSOE propón a creación de parques caninos no contorno do paseo fluvial do río Gafos e da rúa Camiño de Ferro. Na opinión de Tino Fernández, é necesario que os donos dos animais dispoñan de áreas de esparexemento "nas que poidan soltalos" e que teñan os servizos necesarios.

O paquete de propostas do PSOE para Eduardo Pondal tamén contempla a mellora do pavimento nas inmediacións da Praza 8 de Marzo, xa que o actual "é moi escorregadizo" e as caídas son bastante frecuentes cando o chan está húmido. 

O candidato á Alcaldía amosou tamén a súa preocupación ante o "lamentable estado de deterioro" no que se atopa o parque Amalia Álvarez, no que a pesar de ser de recente construción "hai bancos coas táboas soltas, o céspede está moi mal coidado e, sobre todo, non se xerou na zona nin un só metro cadrado de parque infantil".

Por iso, propón que o parque sexa redeseñado para crear unha zona de xogos acoutada para os nenos.

Arquivado en