O PSOE pide á Xunta que inclúa nos orzamentos 21 propostas para Pontevedra por máis de 36 millóns de euros

Pontevedra
29 de novembro 2023

O grupo municipal do PSOE no Concello de Pontevedra cualifica o proxecto de orzamentos autonómicos como un "exercicio de racanería absoluta, nada sensible coas necesidades de Pontevedra" e propoñen á Xunta que inclúa 21 propostas para a Boa Vila que superan os 36 millóns de euros  

Iván Puentes e Paloma Castro
Iván Puentes e Paloma Castro / Mónica Patxot

O grupo municipal do PSOE no Concello de Pontevedra cualifica o proxecto de orzamentos autonómicos como un "exercicio de racanería absoluta, nada sensible coas necesidades de Pontevedra" e propoñen á Xunta que inclúa 21 propostas para a Boa Vila que superan os 36 millóns de euros.  

Os socialistas consideran que as contas autonómicas supoñen na práctica "unha auténtica renuncia do presidente da Xunta e do portavoz local do PP, Rafael Domínguez, á súa propia cidade", e pídenlles aos 'populares' que inclúan nas mesmas unha serie de investimentos que permitirían resolver "necesidades básicas, e en moitos casos históricas, que precisamos os veciños e veciñas de Pontevedra".

Entre elas citan a dragaxe do río Llérez, un novo proxecto de reurbanización do barrio de Monte Porreiro, a cuberta do pavillón de Ponte Sampaio, o pavillón de ximnasia da Parda, a ampliación e mellora das instalacións e vivendas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), unha pista de slálom en Verducido e melloras para a práctica de descenso, a infraestrutura para crear unha escola de piragüismo na praia do río Lérez, un convenio para vivenda de acollida de mulleres vítimas de violencia de xénero, a rehabilitación da ponte histórica de Ponte Sampaio.

Tamén a terceira fase das obras do CEIP Froebel, as obras do comedor do CEIP Campolongo, o aumento do persoal de Hospitalización da Domicilio (HADO) na área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, un Plan de Usos do Hospital Provincial de Pontevedra, o incremento de persoal nos centros de saúde da Parda e Monte Porreiro, a asunción do persoal da Unidade de Atención ás Drogodependencias por parte do Servizo Galego de Saúde (Sergas), a rehabilitación do Pazo de Lourizán, o incremento do número de educadoras da escola infantil O Toxo e actuacións na Ponte de San Caetano (na parroquia de Alba) así como a mellora do Camiño Portugués ao seu paso polo municipio.

Estas propostas foron realizadas este mércores polo portavoz municipal Iván Puentes no marco dunha comparecencia na que estivo acompañado pola concelleira e parlamentaria socialista Paloma Castro.

O PSOE apela ao 'popular' Rafa Domínguez para que deixe de "facer o 'pelota' con Rueda" e "exerza de pontevedrés" defendendo a inclusión destas "necesidades básicas e históricas"

A concelleira e parlamentaria Paloma Castro considera que as contas son "como a canción de Los Piratas, 'promesas que no valen nada'" e significan "unha auténtica renuncia de Alfonso 'Montoro' Rueda á súa propia cidade: parece incrible que sexa un veciño de Pontevedra".