O PSOE pide á Xunta que implante o teletraballo

Pontevedra
16 de xaneiro 2021

A deputada pontevedresa Paloma Castro sostén que a situación actual é moito máis grave que a da primeira onda, durante a que a Xunta aprobou o teletraballo de forma xeral e extraordinaria

A deputada socialista Paloma Castro durante a comisión
A deputada socialista Paloma Castro durante a comisión / Parlamento de Galicia

O PSOE pediu este venres á Xunta que desbloquee o teletraballo para os traballadores autonómicos que non desempeñan funcións cara ao público para facilitar "ese autoconfinamento de facto do que fala Feijoo", pediu a deputada pontevedresa Paloma Castro.

A socialista lembra que xa durante a primeira onda o goberno autonómico concedeu con carácter xeral e extraordinario o teletraballo polo que entende que agora, "que a situación é moito máis grave", a medida está plenamente xustificada.

O grupo socialista solicitou en concreto que a Xunta conceda o teletraballo común "mentres nos atopemos nesta situación de emerxencia sanitaria" a aquelas persoas traballadoras da Xunta que o pidan. Con todo, puntualizan que "salvo aqueles casos nos que desempeñen funcións cara ao público ou nos que a súa presenza sexa indispensable".

"Desta forma o goberno galego daría exemplo do cumprimento das recomendacións que fixo esta mesma semana o propio presidente da Xunta", declarou Castro.

Sobre este sistema de traballo na administración autonómica, asegura a disputada socialista que "a situación real dista moito do discurso que vende Feijoo". Para ilustralo sacou á luz un caso concreto. "Dúas mulleres do mesmo  concello, co mesmo número de fillos e categoría profesional semellante, a unha concedéuselle o teletraballo pola Consellería de Medio Ambiente e outra, que traballa en Facenda, denegáronllo", cuestiona a parlamentaria lamentando a " discrecionalidad" das concesións.