Os representantes galegos do Partido Socialista no Congreso dos Deputados rexistraron dúas iniciativas na Cámara relativas á prórroga da concesión a ENCE na súa actual localización de Lourizán.
Na primeira delas solicítase a comparecencia da Directora Xeral de Sustentabilidade da Costa e o Mar, que é quen asina a prórroga por 60 anos na ocupación dos terreos.
A intención, explica o grupo socialista, é que "teña que explicar cales son as razóns que avalan a concesión desta prórroga, a duración da mesma e os informes nos que se sustenta". Ademais, sinalan, "terá que responder a por que un goberno en funcións acomete dita resolución cando a actual concesión finaliza en 2018", polo que entenden non se xustifica a urxencia, e a "por que se ignorou ao Concello de Pontevedra no proceso".
Na segunda das iniciativas, ao amparo do artigo 7 do Regulamento da Administración Pública, requiren ao Goberno os informes elaborados pola Avogacía Xeral do Estado ou por calquera órgano da Administración respecto diso.
Esta actuación no Congreso responde "á postura que mantén o PSdeG-PSOE en contra da actual localización da empresa ENCE en Lourizán", sinalan nun comunicado.