A Agrupación Socialista de Pontevedra decidiu trasladar, tanto á súa executiva provincial como a súa secretaría autonómica de sanidade, un escrito de alegacións sobre o Plan Funcional elaborado pola Xunta para o Hospital de Montecelo co obxectivo de que sexan elevadas ao Parlamento galego.
Asegura o seu portavoz municipal, Tino Fernández, que o plan para o Gran Montecelo "debilita o modelo público e mantén a dependencia actual cos concertos da sanidade privada".
Entre outras cuestións, os socialistas consideran "insuficiente" o número de camas hospitalarias, "xustificado en base a erros de cálculo da poboación de referencia", sinala Fernández, que ve necesarias 740 camas en lugar das 660 que figuran no plan.
Outros dos puntos problemáticos para o PSOE atópase en que "non define o uso que van ter no futuro o Hospital Provincial e o Centro de Especialidades de Mollavao", polo que "reclamamos que se explicite, cando menos, a garantía do uso sanitario do Provincial para servizos de carácter ambulatorio e a posibilidade de instalar un PAC que alivie a presión asistencial que sofre o Servizo de Urxencias", explicou o portavoz municipal.
Ademais os socialistas insisten na necesidade de habilitar unha zona de aparcadoiro gratuíto. "Resulta incomprensible que se potencie o uso do automóbil privado", sentencian.
Tino Fernández criticou por outra banda o investimento de 50.000 euros realizada pola Xunta de Galicia para colocar carteis co lema 'Hospital público' nos principais centros hospitalarios do Sergas.