O portavoz municipal do grupo PSOE, Iván Puentes, manifestou que "os socialistas manteñen con máis forza, firmeza e convicción que nunca o seu pulso para que a Alameda se converta na ubicación definitiva da feira ambulante".
En resposta ás declaracións realizadas pola concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías, que deu conta dun informe do secretario do Pleno que sinalaba a 'inviabilidade' das pretensións do PSdeG, Puentes replicou que "as triquiñuelas administrativas ou doutro tipo non impedirán que se cumpra a vontade maioritaria e unánime do Pleno e dos vendedores ambulantes e o que desexa a cidadanía de Pontevedra, expresado no éxito que supuxo a celebración da feira nestes últimos meses".
O voceiro do PSOE explicou que o Concello de Pontevedra ten nestes momentos unha ordenanza de venda ambulante en vigor que é do ano 97 e outra nova ordenanza en tramitación, e que, unha vez que entre en vigor, derogará á anterior.
Puentes sinalou que a moción rexistrada polo Partido Socialista contempla dous puntos diferenciados: primeiro, modificar a ordenanza en vigor, a do 97, introducindo a Alameda como lugar de celebración do mercadillo ambulante dos sábados e Campolongo como ubicación alternativa (en caso de festas ou eventos), e un segundo punto, que o que pide é que esa ubicación definitiva na Alameda e alternativa en Campolongo se introducise tamén no texto da nova ordenanza para o día no que entre en vigor.
Na súa opinión, o informe de Secretaría "o único que cuestiona é o momento no que se pode presentar esa moción con respecto á tramitación da nova ordenanza e o momento no que o Pleno pode tomar a decisión de modificar o emprazamento da feira".
Para Puentes, a solución é sinxela: "Se o Goberno Local dilata a aprobación da nova ordenanza, modificaremos a do 97; e se axiliza os trámites de aprobación da nova ordenanza, modificaremos a nova".
Por último, en relación á proposta de ubicar a feira na Avenida de Bos Aires, Iván Puentes afirma que "é un emprazamento que, nin sequera na rolda de consultas convocada polo alcalde e a concelleira Anabel Gulías e na que seleccionaron a quen ían chamar, ninguén propuxo xamais".
ANABEL GULÍAS INSISTE
A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías quixo aclarar esta mañá, logo de coñecer as declaracións do Partido Socialista, manifestadas a través do seu portavoz municipal Iván Puentes sobre a modificación da ordenanza vixente de venda ambulante que "se trata dunha modificación dunha ordenanza que leva un procedemento moi longo como todo o mundo sabe agás o señor Puentes".
"As modificacións das ordenanzas, neste caso a de venda ambulante, sexa cal sexa, sexa a ordenanza en vigor que data do ano 1997 ou a que aínda está por aprobar, teñen unha tramitación longa e farragosa que necesita informes, alegacións, exposicións públicas, aprobacións...", explicaba a concelleira.
Anabel Gulías mantén a man tendida aos vendedores ambulantes tal e como manifestou onte, para dar unha solución inmediata á situación que viven e poder retomar canto antes a súa actividade. Volve a pedirlles que non se deixen "utilizar".