O grupo municipal do PSOE en Pontevedra levará ao próximo pleno unha moción para solicitar o traslado definitivo do mercado ambulante á Alameda. A concelleira Yoya Blanco foi a encargada de presentar en público unha proposta da que espera conseguir o apoio de todos os grupos.
O escrito que defenderán na sesión plenaria recollen que o traslado da feira é unha demanda histórica tanto dos vendedores como da cidadanía pontevedresa. Defenden os socialistas que o test realizado na Alameda só pódese cualificar como "éxito de vendas, de público e de sinerxias".
Con todo, lamentan que despois de "tres meses de éxito" e tras as eleccións municipais, o actual goberno local decidise devolver o mercado á rúa Rafael Areses, á beira do río. Tampouco están conformes coa proposta de trasladar esta feira á Avenida de Bos Aires.
Por todo iso, solicitan a modificación do artigo 5 da ordenanza de venda ambulante vixente, que data do ano 1997, para establecer a Alameda como lugar principal para a organización deste mercado, así como establecer Campolongo como lugar alternativo cando a Alameda estea ocupada con outras actividades. Así mesmo, piden tamén incluír estes emprazamentos no texto da nova ordenanza, que se atopa en trámite de aprobación.
Neste sentido, Blanco tendeu a man ás outras dúas forzas políticas que compoñen a corporación municipal para chegar a un acordo neste tema. Aplaudiu a predisposición do PP para apoiar este traslado, aínda que puntualizou que no debate sempre defenderon a permanencia en Rafael Areses.
Ao mesmo tempo, confía en chegar a un acordo co BNG posto que xa teñen interiorizado que a localización de Rafael Areses non é a mellor e que é conveniente achegar o mercado ambulante ao centro, como demostran ao suxerir a Avenida de Bos Aires. Neste sentido, os socialistas queren deixar atrás as friccións dos últimos días e tenden a man aos seus antigos socios de goberno para alcanzar un acordo.
Proba diso é o rexeitamento frontal expresado por Yoya Blanco á cacerolada que teñen previsto organizar os ambulantes fronte ás vivendas familiares do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira Anabel Gulías os días 7 e 8 de agosto. "A min non me gusta que a miña familia se vexa salpicada pola miña acción política e tampouco me gusta que lle pase aos meus compañeiros", afirmou Blanco, que pide aos vendedores que "protesten dentro duns cauces e uns límites, imos tentar apaciguar".
Tras a comparecencia, a concelleira socialista púxose en contacto coa portavoz dos vendedores, que era a número 10 da lista do PSOE nas pasadas eleccións municipais, para trasladarlle o seu rexeitamento a esta protesta e pedirlles que a cancelen, algo que estudarán.
Doutra banda, Yoya Blanco mostrouse tamén dacordo con o Plan Mercados anunciado este xoves por Anabel Gulías, que é a nova responsable de Promoción Económica, para revitalizar a praza de abastos sacando a licitación os novos postos da zona gastronómica e realizando actividades paralelas que atraian a máis público.