O PSOE leva ao Pleno a esixencia de cubrir as vacantes de médicos en Marín

Marín
11 de novembro 2021

A moción que presenta o voceiro socialista, Manuel Pazos, propón aprobar un acordo polo que a Corporación rexeite que a solución ao problema de falta de persoal médico en Seixo se solucione a costa de quitarllos ao centro saúde de Marín

Un home na consullta do médico
Un home na consullta do médico / Saludand

 O PSOE levará ao Pleno da Corporación de Marín que se celebrará este xoves unha moción coa que busca o apoio do resto de grupos políticos para esixir ao Servizo Galego de Saúde que cubra todas as vacantes de profesionais da medicina que hai nos centros de saúde de Marín e Seixo. 

A moción que presenta o voceiro socialista, Manuel Pazos, propón aprobar un acordo polo que a Corporación rexeite que a solución ao problema de falta de persoal médico en Seixo se solucione a costa de quitarllos ao centro saúde de Marín.

Ademais, quere exixir ao Sergas que se cubran con carácter inmediato as múltiples vacantes existentes nos centros de saúde de Seixo e Marín. Así, aseguran que un único médico leva catro meses atendendo a 2.200 pacientes en Seixo, que non se cubriu a baixa por falecemento dunha facultativa no centro de saúde de Marín, que hai unha baixa médica prolongada dende agosto dun facultativo en pediatría e que outra pediatra foi trasladada de Marín a Vigo.

Os socialistas lembran que a poboación de Seixo e de todo o rural marinense levan meses cunha mobilización intensa e masiva para "defenderse dos recortes"  en materia sanitaria da Xunta de Galicia no centro de saúde de Seixo, esixindo a cobertura da praza dun médico por xubilación do anterior titular e a incorporación dos servizos de fisioterapia e pediatría.

Ademais, critican que durante todo esta loita, o goberno municipal procurou "deslexitimar e invisibilizar as protestas" e aseguran que mesmo empregou as redes sociais do propio Concello para tal fin. "Nin unha foto, nin unha entrada, nin un comentario sobre tales mobilizacións, agás para criticalas", cuestiona o PSOE.