O PSOE leva ao Parlamento de Galicia a falta de médicos en Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade
08 de agosto 2023

A deputada Paloma Castro insta á Xunta a resolver este “déficit sanitario” xa que entende que a situación “non pode seguir así, a veciñanza non está asistida actualmente”

O PSOE leva ao Parlamento a falta de médicos en Cerdedo-Cotobade
O PSOE leva ao Parlamento a falta de médicos en Cerdedo-Cotobade / PSdeG-PSOE

A deputada do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Paloma Castro, rexistrou unha batería de iniciativas para denunciar e instar á Xunta a que resolva as deficiencias sanitarias no concello de Cercedo-Cotobade que sofre a falta de médicos de cabeceira e de pediatra, así como a necesidade de dotar dunha ambulancia ao PAC de Cercedo para realizar os traslados ao Hospital Provincial.

Despois de reunirse con veciños e profesionais afectados pola situación no centro de saúde de Tenorio, Castro trasladou á Cámara galega a situación sanitaria do concello de Cercedo-Cotobade Quixo denunciar que “outro verán máis” hai neste municipio “unha carencia total de médicos, con baixas sen cubrir, vacacións sen cubrir e sen pediatra”, alegou. 

“Non pode seguir así, a veciñanza non está asistida actualmente”, sinalou Castro, ao verse obrigados os usuarios deste municipio a acudir ao centro de saúde da Parda en Pontevedra ou ao Hospital Montecelo.

A deputada socialista critica que “o goberno de Rueda está unicamente a poñer parches e beneficiar á sanidade privada e non está a cubrir as carencias existentes dos centros de saúde do territorio galego”, por elo reclama que “tome medidas reais para cubrir as necesidades sanitarias” que hai en Galicia. 

En concreto, a deputada refírese a que nesta vila dos catro profesionais de atención primaria adscritos, un traballa a tempo parcial, hai dous de vacacións, estando un destes postos sen cubrir e o outro cuberto por un profesional que acode en días alternos, e o por último, un que está de baixa. O que quere dicir que das catro prazas, só hai un traballando con xornada parcial e outro en días alternos. 

Na área de pediatría do centro de Saúde de Tenorio hai unha baixa por traslado que non foi cuberta, habendo só unha enfermeira pediátrica e un médico pediatra compartido co concello de Forcarei que acode dous días á semana, polo que se derivan aos nenos e nenas enfermos ao Hospital Provincial de Pontevedra. Así mesmo, usuarios e profesionais demandan que se dote ao centro de saúde de Cercedo dunha ambulancia para realizar traslados ao Hospital Provincial en situacións de urxencia.