O PSOE insta á Xunta a que inicie o novo edificio xudicial para que estea rematado en 2016

Pontevedra
09 de marzo 2015

Os deputados socialistas presentaron unha proposición non de lei para o seu debate no Pleno do Parlamento na que piden á Xunta de Galicia que proceda á licitación das obras do novo edificio e presente o proxecto básico e de execución do inmoble ao longo deste ano 2015. "Inmediatamente despois", ínstalles a que comecen as obras

Debuxo do proxecto do novo edificio da Parda
Debuxo do proxecto do novo edificio da Parda

O grupo parlamentario do PSdeG-PSOE insta a Xunta de Galicia a que reactive o proxecto para construír un novo edificio xudicial de Pontevedra de tal maneira que o inmoble estea en servizo antes de que remate o ano 2016.

A petición fana os socialistas galegos unha vez que os terreos da Parda nos que se construirá xa están rexistrados a nome do Concello de Pontevedra e cedidos á Xunta de Galicia. Oficializar a recepción da parcela era o requisito que esixía a Xunta antes de empezar as obras, de modo que, unha vez que o trámite xa está realizado, consideran que xa non se pode atrasar o proxecto.

Os deputados socialistas Patricia Vilán, Beatriz Sestayo, María Soledad Soneira e Ricardo Vicente Docasar presentaron unha proposición non de lei para o seu debate no Pleno do Parlamento na que piden á Xunta de Galicia que proceda á licitación das obras do novo edificio e presente o proxecto básico e de execución do inmoble ao longo deste ano 2015. "Inmediatamente despois", ínstalles a que comecen as obras, de tal forma que todo estea rematado e entrase en servizo no prazo de 2016 proposto.

O PSdeG-PSOE, que no pasado xa levou este tema ao Parlamento, repasa o calendario de trámites realizados dende o ano 2013 para a posta en marcha do proxecto e recorda o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que nos últimos anos asegurou que non existían problemas presupostarios e que empezaría a construír o edificio en canto tivese a parcela.

Ao respecto, os socialistas recordan Rueda que nunca recoñeceu que no ano 2013 se consignaron 10 millóns de euros dos presupostos autonómicos para o edificio, en 2014 os fondos reservados foron só 2,5 millóns e en 2015 a cantidade ascendeu a 1,7 millóns "malia non executar nada dos 10 millóns de euros iniciais".