O PSOE pontevedrés pide "medidas rápidas e efectivas" para paliar o desastre económico que está a supor para o sector do marisqueo a elevada mortalidade de ameixa e berberecho das últimas semanas. Mentres a Xunta de Galicia está a recoller datos para solicitar ao Goberno central a declaración de zona catastrófica, os socialistas piden ao Executivo autonómico que exerzas as súas competencias e aprobe a declaración de emerxencia de interese galego.
O secretario xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Pontevedra, David Regades, tamén deputado e voceiro socialista na Comisión de Agricultura, Pesca e Alimentación do Congreso, entrevistouse con Raquel Gómez, presidenta da Agrupación de Marisqueo a Pé da Confraría de San Telmo, para coñecer a situación de primeira man.
Na xuntanza participaron tamén a deputada pontevedresa Margarita Adrio e a vicesecretaria xeral socialista, Paula Fernández.
Despois desta entrevista, Regades sinalou que as preto de 500 persoas que marisquean no fondo da Ría de Pontevedra precisan medidas ante un mes de decembro "completamente perdido" a causa da altísima mortalidade da ameixa, afectada pola perda de salinidade e a alta temperatura da auga a causa da cadea de borrascas que varre as Rías Baixas dende outubro.
Regades destacou que estamos diante dunha situación nova pola súa gravidade e da que non hai precedentes, pero que vai ser cada vez máis habitual no futuro inmediato polo efecto do cambio climático e afirmou que a Xunta de Galicia "non pode permanecer parada e debe asumir as súas competencias directísimas en materia de emerxencias" axudando a un sector clave na economía da provincia de Pontevedra, pois milleiros de persoas viven del.
Así, o socialista recordou que, ao tratarse dunha situación que só afecta a Galicia, a Lei de Emerxencias de Galicia desenvolve as competencias directas da Xunta, que "xa tiña que ter aprobado a declaración de emerxencia de interese galego" e liberado as primeiras axudas específicas, "en lugar de dedicarse a botar balóns fóra, cando é unha competencia propia, porque prefire aprobar bonos Rueda para as eleccións autonómicas".
Demandou ademais que a Xunta cree liñas de axudas estables para a rexeneración das rías "e atender un problema que non é puntual", dado que a caída na produción marisqueira é constante.
Ademais, Regades invitou ao Goberno galego a valorar a ampliación do período máximo de 4 meses ao ano de axudas por cese de actividade.
Raquel Gómez coincidiu na necesidade de que a Xunta habilite axudas para remunerar as actividades de rexeneración dos bancos marisqueiros, dos que se retiraron de ata 10 toneladas de marisco morto, e expresou a frustración dun colectivo de mariscadoras no fondo da ría de Pontevedra que afronta "un verdadeiro desastre".
RESPOSTA DA XUNTA
Fontes da Xunta de Galicia sinalaron este sábado que lles causa sorpresa que os socialistas desboten e non apoien a petición de zona catastrófica ao Estado na que traballa a Xunta de Galicia, posto que "deberían ter coñecemento de que é a vía máis axeitada para contribuír a paliar o impacto" no marisqueo galego.
Segundo indican desde a Xunta, a declaración de emerxencia de interese galego pola que apostan os socialistas é unha vía que "non cubriría os danos sufridos na produción de marisco", dado que a normativa galega non se articula por este ámbito, senón que é a resposta a situacións de perigo para persoas ou servizos esenciais.
A declaración de zona catastrófica estatal permitiría cubrir a reparación de tódolos danos nas producións mariñas e facultaría a ir máis aló, pois abre a porta a axudas a empresas e traballadores con fórmulas como aprazamentos e exencións das cotas á Seguridade Social.
Galicia leva traballando máis de dúas semanas na solicitude ao Goberno central para que se declare as áreas das rías afectadas como zonas catastróficas co fin de que o Estado se encargue dunha reparación dos danos que chegue a todos os afectados, recompilando os datos para os informes necesarios para fundamentala.