O grupo municipal do PSdeG-PSOE en Pontevedra levará ao próximo Pleno da Corporación a moción de apoio aos afectados polas participacións preferentes e subordinadas que tiña previsto debater na sesión suspendida este luns. Nese documento propón que se no prazo de dous meses Novagalicia Banco non devolve o diñeiro a todos os prexudicados o Concello retire o diñeiro que ten en contas da entidade e corte todo tipo de relacións que teñen.
Louro insiste en seguir levando a Pleno esta petición a pesar de que recoñece que "somos conscientes de que ten dificultades e ten problemas", pero aspira a que os grupos municipais do BNG e o PP apoien a súa proposta e tamén trasladarán a proposta á FEGAMP e FEMP porque"hai que facer un chamamento e dar sinais contundentes en relación con este asunto, que logo se concretarán en aquelas cousas que sean posibles facelas, porque non todo é posible facelo".
Louro se reunión este venres cos voceiros da plataforma de afectados de Marín e Pontevedra acompañado polo concelleiro Agustín Fernández e o secretario local do PSdeG-PSOE, Guillermo Meijón, e explicou que os prexudicados "reclamaron a nosa axuda e a nosa colaboración" e que lla darán porque "entendemos que é un problema serio, de enorme gravidade, polas repercusións sociais que ten, de xente humilde, xente que aforrou con moito esforzo e que agora se encontran con que o diñeiro ten desaparecido".
Os afectados realizan unha valoración positiva do encontro, xa que Louro lles trasladou "que contamos con eles para o que necesitemos e están aí tentando tomar máis medidas de presión e que se poida facer cousas máis reais, máis efectivas que nos axuden a recuperar os cartos, que é o que nos interesa".
Os afectados: "non nos interesan ás palabras bonitas, senón feitos reais que nos axuden a recuperar os cartos"
A voceira da plataforma, Rosana Prado, valorou o apoio dos socialistas pontevedreses porque supón que "aparte do de sempre, das palabras bonitas, ofrécennos feitos reais que nos axuden a recuperar os cartos". Na súa opinión, é especialmente positivo que lles ofrecesen "medidas en conxunto eles como partido e despois cos outros partidos para poder axudarnos entre todos e ter máis forza para recuperar os aforros".
Rosana Prado indicou que na plataforma de Pontevedra e Marín aínda quedan uns 90 afectados que non recuperaron os seus aforros e que despois de máis dun mes sen recibir noticias da arbitraxe na última semana tiveron constancia de tres, se ben todas elas relativas a cidadáns que ten subordinadas (non preferentes) e por menos de 10.000 euros.
A próxima semana continuarán coas mobilizacións e mesmo as intesificarán, xa que "este mes é crucial porque segundo o FROB vaise cortar a arbitraxe".