O PSOE esixe que Patrimonio emita "de forma inmediata" o informe necesario para o PXOM de Vilaboa

Vilaboa
29 de decembro 2015

O grupo socialista no Parlamento de Galicia presentará unha proposición non de lei e formulará dúas preguntas ao respecto no Pleno

Vista de San Adrián de Cobres
Vista de San Adrián de Cobres / Concello de Vilaboa

O Partido Socialista demandará no Parlamento de Galicia que a Xunta emita "de forma inmediata" o informe de Patrimonio necesario para a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vilaboa.

Farao a través dunha proposición non de lei en comisión e formulando dúas preguntas no Pleno e noutra comisión co obxectivo de visibilizar "un atraso acumulado de máis dun ano e medio", defende a vicevoceira do PSdeG no Parlamento, Carmen Gallego.

O Concello iniciou o trámite do PXOM no ano 2002, quedando agora a tramitación a expensas do informe de Patrimonio, organismo dependente da Xunta de Galicia.

"Doce anos para ordenar o urbanismo dun concello pequeno, de pouco máis de 6.000 habitantes, é a mostra máis evidente do que ten acontecido coas normas de ordenación do territorio en Galicia", sostén Gallego.

A representante socialista alerta ademais que a causa da tardanza na entrega deste informe "dende o 28 de decembro volven a estar vixentes en Vilaboa as normas subsidiarias do ano 1988".