Tino Fernández, portavoz do grupo municipal socialista, mostrou a súa preocupación polas declaracións efectuadas polo presidente do Grupo Ence, Ignacio de Colmenares, en que alertaba do risco ambiental e para as persoas da fábrica de Lourizán.
Ante estas afirmacións, Tino Fernández, tenente de alcalde en Pontevedra, sinala que non sabe a que se refire nin que está a pasar dentro da factoría e esixe á Xunta de Galicia que abra un expediente para comprobar o alcance dese perigo que afecta a toda a cidadanía da comarca.
O representante do PSOE considera que son unhas afirmacións dunha "gravidade inmensa para a sociedade pontevedresa" ao proceder do máximo responsable do Grupo Ence.
Aproveita o portavoz socialista para responder á petición dunha mesa de diálogo por parte do comité de empresa da fábrica de Lourizán. Lembra que esa opción foi proposta polo PSOE hai dous anos e foi rexeitada polo persoal e pola empresa. Agora indica que tras dous anos perdidos, o PSOE continúa aberto a unha mesa de diálogo e entende que hai que iniciala canto antes.
Cita precisamente a Colmenares para indicar que o propio presidente de Ence recoñece que tiñan previsto investir 250 millóns de euros en Pontevedra, unha cantidade que demostra que non é excesivo o custo para un traslado estimado en 500 millóns de euros. "Hai unha cantidade para comezar a negociar", apunta Tino Fernández, que asegura que o discurso do custo é "falso".
Tamén sinala que Ignacio de Colmenares en conversacións con representantes socialistas afirmou que a empresa traballa na posibilidade de reducir o consumo de auga á metade polo que non é necesaria a súa localización á beira da ría.