O PSOE enrócase con Pasarón: "Se hai responsables sería bo que se coñecesen, sexan do partido que sexan"

Pontevedra
07 de novembro 2013

O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, mantense firme na súa postura de non recepcionar polo momento a obra e esixe a documentación pendente da Deputación. "A quen lle pode molestar coñecer a verdade?", pregunta o responsable deportivo municipal

Agustín Fernández visita Pasarón acompañado de técnicos municipais
Agustín Fernández visita Pasarón acompañado de técnicos municipais / PontevedraViva

O culebrón no que se converteu todo o que rodea á construción do novo Estadio de Pasarón non ten visos de chegar ao seu fin.

Nesta ocasión o encargado de avivar a polémica foi o concelleiro de Deportes de Pontevedra, Agustín Fernández, quen reiterou a súa intención de non recepcionar polo momento a obra ao mesmo tempo que reclama á Deputación a documentación pendente para aclarar o sobrecusto do proxecto, porque "o tema non estará zanxado ata que os cidadáns sepan porque a obra custou o dobre".

Fernández defendeu a súa postura esixindo coñecer o nome dos responsables "sexan do partido que sexan", a pesar de que iso, asegura, poida salpicar a algún compañeiro de organización: "se alguén do PSOE fixo algunha irregularidade que a pague".

Agustín Fernández: "A quen lle pode molestar coñecer a verdade?"

O concelleiro socialista reiterou "non coñecer o destino dos cartos" lanzando unha pregunta ao aire: "A quen lle pode molestar coñecer a verdade?"

Para pechar a súa intervención ante os medios de comunicación, Agustín Fernández quixo defender ao ex responsable municipal de Deportes, Chano Esperón, citado polo nacionalista César Mosquera: "me molesta que saquen o seu nome. A comisión de seguemento formouse en setembro de 2007, difícilmente Chano puido participar".