Os grupos municipais do Partido Socialista e de Marea queren que o Concello de Pontevedra declare ao presidente do Goberno en funcións, Mariano Rajoy, como "persoa non grata" por conceder a Ence a prórroga da concesión de ocupación dos terreos nos que se sitúa o seu Centro de Operacións na Ría de Pontevedra.
Desde o BNG, a tenente de alcalde, Carme da Silva, adiantou a disposición do goberno local para apoiar esta iniciativa, suxerindo que sexa consensuada entre todos os colectivos que forman parte da plataforma Ence fóra!.
"Tanto Rajoy como moitos altos cargos do Partido Popular fai moito tempo que son persoas non gratas en Pontevedra", engadiu Carme Da Silva.
Marea e PSOE van pedir a reunión da xunta de portavoces para convocar un Pleno Extraordinario para emitir unha declaración institucional e "sumarse á resposta cidadá que debe ser contundente e masiva a esta agresión á cidade de Pontevedra", dixo o portavoz de Marea, Luís Rei.
"Agora que Mariano Rajoy conta con bastantes boletos como para quedar sen o seu actual traballo en Madrid ben merece unha declaración de repudio sendo declarado persoa non grata na cidade de Pontevedra", engadiu Luís Rei.
O portavoz do grupo municipal de Marea Pontevedra e a deputada no Congreso por En Marea, Ángela Rodríguez, compareceron en rolda de prensa para expoñer as iniciativas municipais e parlamentarias que levarán adiante por mor da concesión da prórroga a ENCE. Segundo Luís Rei o goberno presidido por Mariano Rajoy instaurou a prisión permanente revisable, "un eufemismo para falar de cadea perpetua", e agora "en funcións e sen xuízo" acaba de "condenar a cadea perpetua a 82.000 persoas que son os homes, mulleres e nenos da cidade de Pontevedra".
O portavoz de Marea considera que outro goberno "pode e debe darlle a volta esta decisión" na que a empresa pasteira "sempre gana", porque podería alegar "lucro cesante e posiblemente poida acabar recibindo indemnizacións", apuntou Rei.
Pola súa banda, a deputada no Congreso por En Marea, Ángela Rodríguez, lembrou que a lei 50/1997, que regula as capacidades que ten un goberno en funcións para proceder, di que limitará á xestión ao despacho ordinario dos asuntos públicos absténdose de aprobar, "salvo casos de urxencia debidamente acreditados por razóns de interese xeral", calquera outras medidas. Considerando a deputada que "non é o caso do que ocorre na ría de Pontevedra".
A deputada de En Marea indicou que a situación de emerxencia que require que o Goberno tome medidas "é a que teñen Isabel Tocino e Carlos del Álamo", anteriores ministra e conselleiro de Medio Ambiente, "que están a día de hoxe no consello de administración de Ence". Este é, para En Marea "o motivo polo que se concede esta prórroga".
Pola súa banda, o portavoz do PSOE en Pontevedra, Agustín Fernández, cualificou a concesión da prórroga como "unha puñalada e unha estafa política de enorme calibre para Pontevedra".
En rolda de prensa Agustín Fernández apuntou que o feito de que un goberno en funcións adopte esta decisión é "inadmisible desde o punto de vista político e moral". E describiu a situación como unha "catástrofe" para Pontevedra.
Ademais, valorou a "gravísima actitude do presidente Feijóo cambiando a súa postura e rompendo un acordo parlamentario" e finalmente, Tino Fernández asegurou que "as cousas non acaban así, non vai ser tan fácil para eles".
CORRUPCIÓN
O portavoz de Marea en Pontevedra destacou que a decisión de prorrogar a concesión chega do Ministerio de Agricultura "o mesmo que está de actualidade estes días polo caso Acuamed onde se investiga xudicialmente pola fraude de moitos millóns de euros". E lembrou que esta investigación "levou xa por diante a algúns directivos e investígase a un comisario europeo, todos eles do Partido Popular, que tamén está a ser investigado por casos de corrupción".
Acto seguido Luís Rei apuntou que "dado este gran alarde de honorabilidade a pregunta que procede é quen se vai a levar o 3 por cento?".
GOBERNO DO CAMBIO
A xuízo dos portavoces de En Marea "todo isto abona a idea dun cambio urxente do goberno central" que consideran que "nos está machacando por encima das nosas posibilidades".
Por este motivo a deputada de En Marea, Ángela Rodríguez pediu ao secretario xeral do Partido Socialista, Pedro Sánchez "que estea á altura", xa que "hai unha posibilidade dun goberno de cambio, de que situacións como esta non se repitan". E lembrou que a situación de Ence é "prioritaria" para En Marea polo que "non imos apoiar a un goberno de cambio que non se comprometa a revisar a prórroga concedida a Ence".
Neste sentido, a tenente de alcalde, Carme Da Silva, dirixiuse ás forzas de esquerdas representadas no Congreso que "independentemente de que haxa ou non Goberno" que dean os pasos necesarios para paralizar esta prórroga.
CIUDADANOS
Tras coñecer a solicitude dos grupos municipais do PSdeG e Marea, a edil de Ciudadanos, María Rey, defendeu ao respecto que "los recursos del Concello están para mejorar la vida de los pontevedreses y pontevedresas y no para sacar réditos políticos".