Cerdedo-Cotobade é, segundo o PSdeG-PSOE, un dos municipios onde o lobo "está a causar estragos" na cabana caprina e vacúa, especialmente nos dous últimos anos, de modo que a deputada pontevedresa Patricia Vilán aproveitou unha visita aos gandeiros das parroquias de Viascón e Carballedo para anunciar que o seu grupo vai presentar unha serie de iniciativas no Parlamento de Galicia para esixirlle á Xunta "que elabore o imprescindible novo plan de xestión do lobo" no primeiro semestre de 2017.
Vilán fixo fincapé este venres no caso dun dos gandeiros cos que falou (co que se fotografiou), pois perdeu máis da metade do gando polos ataques do lobo en menos de catro meses. O pasado mes de outubro tiña 91 cabras e cabritos e catro cans e agora só que lledan 38 cabras e dous cans.
Ademais, a socialista indica que a estas perdas hai que sumarlles gastos veterinarios, o que se destina a desprazamentos para os trámites e o prezo das chamadas de emerxencia. Fronte a estes gastos sobrevidos, a media de tempo para cobrar as indemnizacións é de dous anos".
Ao respecto, a deputada pontevedresa sostén que a Xunta "ten o deber" de indemnizar os gandeiros e denuncia que o plan de xestión contratado en 2011 está agora paralizado e sen orzamento para o seu desenvolvemento.