O PSOE denuncia no Parlamento que o emisario submarino de verquidos de Ence incumpre a lexislación vixente

Pontevedra
13 de xullo 2017

Patricia Vilán denuncia que a instalación foi autorizada pola Xunta hai máis de 20 anos e renovada en 2003 e non ten permiso do Ministerio para a ocupación de dominio público

Patricia Vilán, deputada do PSdeG-PSOE no Parlamento galego
Patricia Vilán, deputada do PSdeG-PSOE no Parlamento galego / PontevedraViva

A portavoz de Medio Ambiente do grupo socialista no Parlamento de Galicia, a pontevedresa Patricia Vilán, denunciou este xoves que o emisario submarino de verquidos de Ence autorizado pola Xunta hai máis de 20 anos e renovado en 2003 non ten permiso do ministerio para a ocupación de dominio público

A denuncia realizouna na comisión parlamentaria de Medio Ambiente, na que engadiu que este permiso é preceptivo e ten que ser previo á autorización, polo que a instalación incumpre a normativa. Xa a incumpriu cando se concedeu e de novo cando foi renovada anos despois.

Patricia Vilán lembrou que xa un informe de 1991 recollía a necesidade desta autorización previa, e que as accións do movemento asociativo acabaron cunha sentenza da Audiencia Nacional, ratificada en 2014 polo Tribunal Supremo, que recolle ese incumprimento da legalidade.

Esta afirmación da socialista realizouna unha vez que Augas de Galicia sinalou que o emisario estaba en proceso de regulación, o que, na súa opinión, "quere dicir que non tiñan autorización e que o emisario non está nunha situación conforme á legalidade".

O representante de Augas de Galicia mantivo que esa autorización é obrigatoria desde hai 15 anos, pero Patricia Vilán sostén que non, que tiña que tela desde o principio. Ademais, lamentou que desde hai máis de seis meses os informes están parados, a pesar da afirmación de que a actual situación está en proceso de ser regulada.