O grupo provincial do PSOE na Deputación de Pontevedra amósase moi crítico co que consideran unha "deriva rancia" da institución, en especial, despois de recibir unha invitación que esixe "traxe e gravata" para asistir a un acto.
O voceiro socialista, Carlos Font, lamenta que a Deputación "volve aos tempos do NO-DO", en alusión ao Noticiario Cinematográfico Español propagandístico do réxime franquista.
A convocatoria que fixo saltar as alarmas esta semana foi o convite para os actos do 25-N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, previstos xusto antes do pleno ordinario do mes o vindeiros xoves 24. Fai constar expresamente que as persoas asistentes a este acto deben vestir de "etiqueta: traxe e gravata".
Font sinala que "están a pasar cousas moi retrógradas na Deputación en moi pouco tempo". Valora que esta invitación pode ser considerada como unha anécdota, dado que a ningún deputado ou deputada lle poden impedir a entrada ao salón de plenos por non levar traxe e gravata, pero considera que é "unha mostra máis desta deriva imparable cara á naftalina".
"Un día é un pleno extraordinario e urxente para defender a Constitución e que non se rompa España, e ao seguinte un acto de etiqueta para rexeitar a violencia de xénero, violencia, por certo, á que nós preferimos chamarlle polo seu nome: violencia machista", sinala Font.