Entre 1996 e 2018, o municipio de Pontevedra aumentou a súa poboación en preto de 11.000 habitantes. Malia iso, durante ese período, as parroquias perderon a 1.130 residentes. O PSOE de Pontevedra, que lidera Tino Fernández, quere centrar a súa atención sobre esta situación que reflicte a "Pontevedra baleira".
O candidato socialista quere establecer como prioridade para o vindeiro mandato o desenvolvemento dun plan integral de medidas urxentes que permita frear este éxodo de poboación do rural.
Ao longo destas semanas, Tino Fernández mantivo encontros nas distintas parroquias coas comunidades veciñais. En Cerponzóns trasladáronlle a queixa pola ausencia dun Plan Xeral de Ordenación Municipal que facilite a edificabilidade, ademais da petición de axudas para a rehabilitación das vivendas.
Outra das queixas veciñais céntrase na falta dun transporte público de calidade, que permita trasladarse desde as parroquias ao centro da cidade. Reclaman comodidade nos horarios e uns billetes económicos.
A agrupación socialista aposta por abaratar o prezo dos billetes das viaxes e a fixación de tarifas especiais para os residentes nas parroquias e para colectivos de maiores, estudantes, desempregados ou familias numerosas.
Tino Fernández entende, ademais, que é necesario incentivar desde o Concello axudas para a reforma das vivendas existentes no rural. Con este tipo de medidas entende que se pode frear a perda de poboación que nos últimos anos sufriron dez das quince parroquias de Pontevedra.