"O Partido Popular afúndese na provincia", proclamou o secretario xeral do PSdeG de Pontevedra, Santos Héctor, ao inicio dunha rolda de prensa este martes centrada no previsible e "histórico" cambio de goberno na Deputación "de Mariano Rajoy".
"Nós, o PSdeG-PSOE, propoñemos unha opción moi clara para facer posible o goberno da Deputación a través dun pacto progresista coas outras forzas políticas", dixo Santos Héctor, insistindo na proposta dos socialistas vigueses, de situar á fronte do Pazo Provincial á tenente de alcalde de Vigo e deputada no Congreso, Carmela Silva.
Este martes reunirase a Executiva galega dos socialistas e o xoves farao a provincial e nestas reunións trasladaranse as formulacións de acordos en distintos concellos e tamén este pacto de progreso para presidir a Deputación.
Santos Héctor non aclarou se dende a dirección do partido se apostará por un acordo marco ou global para todas as negociacións pero subliñou que este cambio permitirá "que se deixe de facer política para uns poucos e sexa unha política para a gran maioría dos cidadáns".
MALTRATO A VIGO
"A Deputación non soamente maltratou a Vigo, maltratou a moitos concellos, sobretodo onde non goberna, e non digo nada da Xunta de Galicia", dixo o dirixente socialista abundando na idea de "gobernar para a maioría". Aínda que tamén precisou que se Vigo achega 50 millóns de euros dos 150 do presuposto da Deputación "loxicamente quererá ter máis que un convenio de 600.000 euros" e isto, engadiu "non ten que prexudicar a Pontevedra para nada", dixo en referencia á cidade do Lérez.
O secretario xeral do PSdeG pontevedrés considera que o "éxito" do seu partido e o "desplome" do Partido Popular responden ás políticas socialistas de "cercanía", de antepoñer a defensa dos concellos fronte ao resto de intereses "mesmo os do propio partido", e polas apostas polas políticas sociais e de emprego.
Estas serán tamén as "claves" dun posible pacto de goberno tamén para a Deputación, xunto ás "políticas de transparencia".
NON HOUBO PRIMEIRO CONTACTO
O secretario xeral do PSdeG de Pontevedra, Santos Héctor, confirmou que por agora "aínda non nos sentamos" nin sequera se mantivo un primeiro contacto "pero imaxínome que sobre a base de programas chegaremos a acordo".
"Sería moi difícil de explicar á cidadanía, tanto para o BNG como para nós que non chegamos a un acordo para gobernar mediante un pacto de progreso," insistiu Santos Héctor.
O secretario do PSdeG tendeu a man dentro desta proposta de "pacto de esquerdas" a Marea, que tamén obtivo unha acta de deputado e estará presente na próxima corporación provincial.