O PSOE de Marín afirma que a Gala Xacobeas foi "un enorme fracaso e unha decepción"

Marín
19 de xullo 2022

Os socialistas apuntan que "o concerto de Cali e O Dandee vai camiño do mesmo"

Gala Xacobeas
Gala Xacobeas / Mónica Patxot

O grupo municipal do Partido Socialista de Marín asegura que a Gala Xacobeas "terminou sendo un enorme fracaso e unha decepción para todos os asistentes". 

Os socialistas fanse eco das críticas difundidas nas redes sociais por "os problemas relacionados co son, a falta de ritmo ou os enormes atrasos da gala".

O PSOE de Marín sinala que "a decepción vén realmente porque todo o público asistente pensaba que asistiría a un concerto habitual pero realmente atopáronse coa gravación dun programa musical para a televisión, onde o importante non era o público se non o programa".

Neste sentido, o PSOE culpa de parte desa "decepción" ás expectativas que "o propio goberno local alimentou, ben por descoñecemento do que realmente traía a Xunta a Marín ou ben dentro do seu tradicional autobombo".

Os socialistas advirten dunha "nova manobra de engano" respecto ao concerto que se celebrará este sábado de Cali y El Dandee, "e onde moito nos tememos que o verdadeiro motivo de que xa non sexa un concerto de pago a 25 euros a entrada no Parque Azul, é o baixo ritmo na venda das entradas a catro días do mesmo". 

Este grupo municipal indica que isto non ten "nada que ver por tanto coas explicacións que ofrece o goberno municipal que fala por exemplo da filosofía da gratuidade total" polo que censura "a mentira e a propaganda permanente do goberno local", que "tenta disfrazar agora de éxito o que é unha solución de última hora para evitar o fracaso".