O PSOE da Lama asegura que Jorge Canda tramitou o parque eólico de Monte Peón e acúsao de "enganar" os veciños

A Lama
27 de abril 2023

Iñaki Touriño, candidato á alcaldía da Lama polo PSdeG-PSOE presentou os "documentos da vergonza" onde constata que o alcalde Jorge Canda tiña coñecemento desde o ano 2020 da existencia do proxecto eólico no Monte Peón das Ermidas. Por este motivo, pide ao PP que retire a Canda da lista electoral que encabeza David Carrera

Iñaki Touriño, candidato socialista no Concello da Lama
Iñaki Touriño, candidato socialista no Concello da Lama

Iñaki Touriño, candidato á alcaldía da Lama, pide a David Carrera, cabeza da lista do PP, a que retire da súa candidatura a Jorge Canda, actual alcalde do municipio, ao considerar que "enganou" os veciños cando lles dixo que non coñecía o proxecto eólico previsto no Monte Peón.

O representante socialista dispón duns informes que denomina "documentos da vergoña" onde constata que o rexedor tiña coñecemento polo menos desde o ano 2020 da existencia do proxecto eólico no Monte Peón de As Ermidas. Sinala que deu trámite ao proxecto sen informar as persoas residentes nas parroquias lindeiras.

Touriño afirma que en tres documentos figura a sinatura de Jorge Canda autorizando o desenvolvemento deste parque eólico.

Segundo os socialistas, en outubro de 2020 o alcalde remitiu un informe urbanístico favorable á Dirección de Minas e en xaneiro de 2021 enviou un certificado á Consellería de Industria informando de que todo o proceso de exposición pública completouse con éxito, sen que reflectise que non notificara á veciñanza esta exposición.

O candidato socialista tamén avisa á veciñanza de Verducido e Xesta de que existen informes favorables á tramitación de parques eólicos sen coñecemento das xuntas directivas destas dúas parroquias. E engade que esta práctica produciuse en 2007 cando, segundo expón, o alcalde autorizou unha polvoreira entre estas dúas parroquias, causando cortes das pistas forestais, sen notificalo ás comunidades de montes.

Arquivado en