O PSOE critica os "despóticos delirios de cacique autócrata" do alcalde de Pontevedra

Pontevedra
07 de xaneiro 2024

O portavoz do grupo municipal do PSOE, Iván Puentes, respondeu á carta que este sábado enviou o alcalde

Comparecencia dos concelleiros do PSOE
Comparecencia dos concelleiros do PSOE / PSdeG-PSOE

O portavoz do grupo municipal do PSOE, Iván Puentes, respondeu á carta que este sábado enviou o alcalde

Os socialistas difundiron esa resposta na rede social Twitter (agora chamada X) coa seguinte mensaxe "e cando pensabamos que xa tocara fondo nos seus despóticos delirios de cacique autócrata, este señor continúa a tentar intimidarnos para condicionar as nosas robustas e serenas conviccións democráticas".

Na súa misiva Iván Puentes sinala que a carta do alcalde supón a primeira vez na que "de maneira formal ou informal, ten a ben dirixirse a min" dende o pleno de investidura, aínda que lamenta a data elixida "ás 9.00 horas exactas do día 6 de xaneiro, festividade de Reis Magos".

Acto seguido repróchalle ao rexedor nacionalista as súas comparecencias ante os medios de comunicación "simplemente para sementar dúbidas sobre a responsabilidade e coherencia do grupo político ao que represento".

En todo caso, Iván Puentes, engade que "á marxe de cuestións formais" e das percepcións persoais, "o importante son os feitos" e en relación con isto, valora como unha "irresponsabilidade maiúscula" e  "un erro histórico pola súa banda" a presentación desta moción de confianza.

O portavoz socialista afirma que se chega a esta situación despois dos "múltiples intentos por parte do PSOE de alcanzar un acordo co BNG que permitise a aprobación do orzamento de 2024" que non fraguaron por "a súa negativa e a do seu grupo para facer a máis mínima concesión sobre cuestións nucleares que o PSdeG-PSOE trasladoulle con ese fin, cuestións que non quixeron, nin sequera, sentar a debater para poder atopar puntos intermedios entre a súa postura e a nosa, cuestións que foron votadas pola inmensa maioría de pontevedreses nas pasadas eleccións municipais e que, como alcalde de todos, non debe nin pode ignorar, polo menos non coa nosa complicidade".

Puentes tamén censura que Lores quere que o Partido Socialista "asuma sen condicións a súa proposta de orzamento" e rexeita que fale "insistente e falsamente" do perigo de perda de fondos europeos cando "tras 24 anos e medio como alcalde, xa sabe a estas alturas da existencia dun mecanismo legal chamado modificación de crédito, que lle permite, aínda no suposto indeseado dunha nova prórroga orzamentaria, alterar partidas de ingresos e gastos para poder abordar as obras, subvencións e calquera gasto que estime oportuno afrontar" e que o PSOE apoiaría. 

Finalmente, cuestiona que Lores estea "aparentemente tan preocupado por ese infundado risco de perda de fondos europeos" e, ao mesmo tempo, "se negue a incluír no orzamento de 2024" a chamada "estratexia Pontevedra Flúe", que, segundo asegura Puentes "permitiría investir na nosa cidade 25 millóns de euros de fondos europeos".