O PSOE presentouse este domingo en Pontevedra como "un partido que está moi orgulloso de ser feminista e de poñer fronteiras a Vox". A definición corresponde ao secretario provincial do PSdeG-PSOE en Pontevedra, David Regades, pero resume, dunha ou outra maneira, as palabras das seis persoas que interviñeron no encontro coa cidadanía celebrado en Afundación ante un grupo de simpatizantes e militantes socialistas e coa presenza da ministra de Defensa, Margarita Robles.
O acto tivo seis intervenientes e un espírito de igualdade, pois, tal e como destacou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, subiron ao escenario tres mulleres (ela mesma, Margarita Robles e a subdelegada do Goberno, Maica Larriba) e tres homes ( Regades; o candidato do PSOE local, Tino Fernández; e o secretario galego, Gonzalo Caballero) e demostraron que o PSOE é "a cara da igualdade".
Carmela Silva contrapuxo esta imaxe de "mulleres e homes en pé de igualdade" coa "medocridade" que asegura que transmitía a convención nacional do PP celebrada esta fin de semana en Madrid, con practicamente ningunha cara feminina sobre o escenario, e utilizou a comparación para reivindicar a "revolución" que está convencida de que vai chegar a partir das eleccións do próximo mes de maio, que será feminista, socialista e desde o ámbito municipal.
Respecto diso, reivindicou que as transformacións en en España sempre chegaron da man de Alcaldías do PSOE e chamou a traballar para volver acometer "esa revolución municipal" o 26 de maio, como primeiro paso para que Pedro Sánchez siga sendo presidente tras as próximas eleccións xerais e Gonzalo Caballero dea "o cambio que necesita Galicia" nas seguintes autonómicas.
Todas as persoas que pasaron polo escenario destacaron a figura de Margarita Robles, "unha muller comprometida coa liberdade, coa xustiza, cos dereitos, coas mulleres", en palabras de Maica Larriba, e tamén reivindicaron o ideario feminista do PSOE fronte a partidos que non duraron en cualificar de "ultradereita" como Vox.
Tino Fernández chamou aos presentes para loitar contra a irrupción destes partidos e traballar a nivel municipal nesta liña, pois "non podemos permitir que os intolerantes, os machistas, teñan cotas de poder" e é necesario "poñer todo da nosa parte para que os resultados de Andalucía non se reproduzan no resto de España".
Margarita Robles tamén se manifestou na mesma liña e, en relación co pacto entre o PP e Vox que permitiu a investidura de Juanma Moreno como presidente da Junta de Andalucía, defendeu que o PSOE non terá "la más mínima tolerancia" con aqueles que mediante "frivolidades" pretendan recortar dereitos sociais ou aposten por medidas que impliquen "retroceso en los derechos de las mujeres y en la lucha contra la violencia de género".
A titular de Defensa, que critica a "campaña de acoso" que sufriu o Goberno socialista sen "un minuto de tregua", destacou que o líder do PP, Pablo Casado, "está sacando los peores fantasmas del pasado", en alusión a José María Aznar e a súa presenza destacada na convención do PP, unha "fantasma que representa la España en blanco y negro" e que el sacou das "catacumbas".