O PSOE censura a "incompetencia alarmante" do presidente da Deputación no caso das entradas para o España-Italia

Pontevedra
26 de novembro 2023

Gorka Gómez, deputado socialista, reclama a Luis López, presidente provincial, que ofreza explicacións de cantas entradas foron postas á venda e cantas recibiu a Deputación e con que criterios foron repartidas. Lembra que a Deputación Provincial destinou 200.000 euros de diñeiro público a ese partido e debería ter un "control absoluto" sobre a xestión das entradas do encontro que se disputará en Pasarón

Gorka Gómez, deputado socialista
Gorka Gómez, deputado socialista / Deputación de Pontevedra

Gorka Gómez, deputado socialista na Deputación de Pontevedra, lamenta a falta de transparencia en toda a xestión das entradas do partido que a selección feminina española disputará en Pasarón o 1 de decembro contra Italia.

Reclama ao presidente provincial Luis López datos sobre cantas entradas foron postas á venda e cantas recibiu a Deputación de Pontevedra, patrocinadora do encontro. Tamén pide explicacións sobre os criterios que se estableceron para repartir esas entradas.

Gómez critica que o presidente da Deputación ao ser preguntado en rolda de prensa sobre o procedemento de entrega das entradas dixera que "non tiña nin idea". Desta forma, desde o Partido Socialista consideran que na xestión de Luis López e da deputada responsable de Deportes, Marta Fernández-Tapias, faise gala dunha "incompetencia alarmante".

Lembran que a Deputación de Pontevedra destinou ao patrocinio deste partido un total de 200.000 euros de diñeiro público.  

"Cando se negocia un patrocinio con diñeiro público hai que ter un control absoluto", explica Gorka Gómez, "e unha das cuestións a negociar é o número de entradas que se van vender e con que criterios, asegurando que a maior parte das entradas estean dispoñibles para a venda en taquilla", sinala.

O deputado socialista considera que este caso das entradas mostra a "nefasta xestión do Partido Popular" á fronte da institución. O seu malestar deixouno patente nun fío en redes sociais.