A campaña electoral do PSdeG- PSOE fixo esta martes unha parada no campus universitario de Pontevedra. Alí déronse cita os integrantes da lista socialista pola provincia de Pontevedra, Paloma Castro, Rafael Cotelo e Manuel Loureiro, os que mostraron a súa intención de trasladar a toda a cidade o modelo de Green Campus e potenciar o campus "como un dos motores económicos e xeradores de coñecemento de Pontevedra".
Entre os proxectos que figuran na carteira dos socialistas está incluído o "improrrogable proxecto de humanización do campus e a súa urbanización e integración no armazón urbano da cidade", afirman os candidatos.
Coa participación da concelleira Yoya Blanco, a senadora Marica Adrio e outros membros da agrupación local, Castro ratificou a intención de Gonzalo Caballero de fomentar unha colaboración máis estreita entre a Xunta e a Universidade de Vigo para apostar polo campus de Pontevedra como un polo estratéxico para Galicia.
"Queremos profundar na súa especialización como Campus CREA, ampliar o seu mapa de titulacións e prestarlle todo o noso apoio ao desenvolvemento do Green Campus, o primeiro de España coa bandeira green", subliñou Paloma Castro, decidida a implantar un modelo de cidade "verde e sostible".
Sobre o funcionamento da universidade, os tres candidatos defenderon a implantación da gratuidade da primeira matrícula en todos os títulos de grao do Sistema Universitario de Galicia, así como un sistema propio de axudas aos estudos de máster impartidos nas tres universidades da comunidade autónoma.
Doutra banda, os socialistas expoñen un plan de garantías xuvenil que incluirá medidas dedicadas á formación profesional e universitaria de mozas, fomento do emprego e medidas de promoción do aluguer.