O PSOE establecerá unha redución de até o 100% na cota tributaria das taxas de auga, lixo e sumidoiros para os pontevedreses que non acaden determinados niveis de renda. A proposta, un dos puntos esenciais do programa económico dos socialistas, pretende evitar que as obrigas tributarias empeoren a situación de persoas e unidades familiares que atravesen por dificultades económicas ou carezan dos suficientes recursos.
Tal e como lembra o candidato do PSOE á Alcaldía de Pontevedra, Tino Fernández, "estas tres taxas esíxense pola prestación de servizos aos que os contribuíntes non poden renunciar, ben porque se trata de servizos de recepción obrigatoria, como a recollida de lixo ou a xestión da rede de sumidoiros, ou ben porque teñen un carácter esencial, como é o caso do abastecemento de auga". Por este motivo, na súa opinión, "o que parece máis xusto e lóxico é que existan tamén certos beneficios fiscais baseados na capacidade económica dos contribuíntes".
Segundo apunta, "a redución nas taxas será dun 100% cando os que teñan o seu domicilio habitual nese inmoble teñan rendas demasiado baixas para afrontar este tipo de gastos". "Existen familias que están nunha situación económica moi complicada -engade o número un dos socialistas- e a Administración municipal ten o deber moral de non afogalas con impostos e taxas".
Por outra banda, o PSOE rebaixará até nun 90% a cota tributaria do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) para as vivendas situadas en asentamentos que carezan dun axeitado nivel de servizos públicos. Con esta medida, os socialistas pretenden non só fomentar a fixación de poboación no rural pontevedrés, senón tamén equilibrar "unha situación fiscal que resulta moi inxusta, mentres non se acometen as actuacións precisas para dotar estas áreas das axeitadas infraestruturas e canalizacións".
Así o avanza Tino Fernández, quen subliña que os principais beneficiarios desta proposta serán "os propietarios de bens inmobles de natureza urbana localizados en zonas do concello que, conforme ao establecido na Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (artigo 13 da LOUPMR) e ao planeamento urbanístico municipal vixente, se correspondan con asentamentos de poboación singularizados polo seu vencellamento ou preeminencia de actividades primarias de carácter agrícola, gandeira ou forestal".
"Aquelas vivendas que teñan estas características e que dispoñan dun insuficiente nivel de servizos básicos de titularidade municipal (auga, rede de saneamento, alumeado público) -matiza- gozarán dunha bonificación no pago do IBI".
Tal e como aclara Fernández, as bonificacións serán dun 90% naqueles casos nos exista unha carencia dos tres servizos básicos, dun 60% para as vivendas que non teñan dous dos mesmos e dun 30% no suposto de que só carezan dun servizo.