O PSOE advirte o BNG que "en ningún caso" actuará como "comparsa" nun hipotético bipartito

Pontevedra
05 de xuño 2019

O candidato socialista avanzou que o seu partido non negociará co BNG "en base a estratexias aritméticas" ao entender que teñen compromisos "irrenunciables" coa cidadanía. "Ou gobernamos fieis ao noso proxecto ou estaremos na oposición", explicou Tino Fernández

Xuntanza extraordinaria da Comisión Executiva Municipal do PSOE
Xuntanza extraordinaria da Comisión Executiva Municipal do PSOE / Mónica Patxot

Analizar o actual escenario político que deixou as recentes eleccións municipais e trazar as liñas a seguir durante o mandato. Ese foi o obxectivo da xuntanza que mantivo este mércores a executiva municipal do PSdeG-PSOE. Nela, Tino Fernández asegurou que "o lóxico" será formar un bipartito co BNG, pero advertiu que "en ningún caso" actuará como "comparsa" de Lores.

O candidato socialista avanzou que o seu partido non negociará co BNG "en base a estratexias aritméticas" ao entender que teñen compromisos "irrenunciables" coa cidadanía. "Ou gobernamos fieis ao noso proxecto ou estaremos na oposición", explicou Fernández.

Entre esas cuestións fundamentais que Tino Fernández puxo sobre a mesa, e que poderían marcar o devir das conversas co BNG, figuran a implantación de transporte público, resolver os "desequilibrios existentes" entre o centro urbano e os barrios e parroquias, activar novas políticas sociais ou a posta en marcha dun novo sistema de recollida de lixo e limpeza.

Toda esta axenda, engadiu o dirixente socialista, deberá tela en conta o BNG "se queren chegar a un acordo de goberno estable" co seu partido. Os gobernos en mandatos anteriores fai que haxa "bos mimbres" para acadar un acordo pero iso non será "a calquera prezo".

O líder socialista constatou que as negociacións co BNG "están aínda nunha etapa moi incipiente" e que, no presente contexto, "as diversas opcións están sobre o taboleiro".

Segundo apuntou Fernández, o único que os socialistas teñen "totalmente decidido" nestes momentos é que non apoiarán unha hipotética investidura dun alcalde do PP.