O PSOE advirte o BNG de que considera "prioritario" para aprobar o orzamento que inclúa unha partida para a RPT

Pontevedra
24 de novembro 2023

O grupo municipal do PSOE mantivo un encontro con representantes da Xunta de Persoal do Concello durante este venres. Iván Puentes, portavoz municipal da agrupación socialista, sinala que "non se trata de que os traballadores cobren máis, como repite o BNG de xeito interesado, senón de que o Concello poida ter unha estrutura digna dunha capital de provincia e de mellorar os servizos que se prestan aos veciños"

Encontro entre o grupo municipal do PSOE e representantes da Xunta de Persoal do Concello
Encontro entre o grupo municipal do PSOE e representantes da Xunta de Persoal do Concello / PSOE de Pontevedra

O grupo municipal do PSOE mantivo un encontro con representantes da Xunta de Persoal do Concello durante este venres. Iván Puentes, portavoz municipal socialista, afirmaba durante a reunión que o PSOE considera "prioritario" que os orzamentos municipais de 2024 inclúan unha partida específica para implantar a Relación de Postos de Traballo (RPT), como xa tiña previsto o BNG en 2019.

Durante o encontro tratáronse cuestións relacionadas coa estrutura funcionarial do Concello. Puentes insistía en que é imprescindible que comece a implantarse ano a ano, "non para que os empregados municipais cobren máis, como resumen moitas veces de xeito interesado o goberno local e o BNG, senón para que o Concello poida ter unha estrutura digna dunha capital de provincia e que lle permita prestar os servizos axeitados aos seus veciños e veciñas".

Entende que é necesario organizar internamente o cadro de persoal de maneira axeitada, dotándoa de persoal nos servizos que carecen de traballadores suficientes como Benestar Social, a Policía Local ou os Bombeiros.

Pola súa parte, Héctor Santaló, delegado de Persoal no Concello de Pontevedra, lembraba que "non estamos a falar dunha proposta ou dunha petición, senón dun acordo adoptado no ano 2019, proposto no seu día por un concelleiro nacionalista, o señor Vicente García Legísima e que foi apoiado pola meirande parte das organizacións sindicais".

O representante dos traballadores municipais sinala que calquera solución de paz social pasa pola adopción dun acordo e "o primeiro paso que debe dar o goberno local é o de incluír unha partida específica nos orzamentos de 2024", argumentou.

Tamén se trataron outras cuestións do ámbito municipal, entre as que destaca a necesidade de construír un novo edificio municipal de emerxencias, que permita á Policía Local e a Protección Civil traballar en "condicións dignas".

O portavoz socialista asegura que esta infraestrutura podería facerse sen practicamente custo para o Concello.