O PSOE acusa de deslealdade ao PP por non recibir na Deputación a 15 alcaldes socialistas

Pontevedra
24 de abril 2024

A portavoz do grupo provincial do PSdeG-PSOE, Ana Laura Iglesias, acusa de deslealdade ao goberno do Partido Popular por non recibir na Deputación de Pontevedra a 15 alcaldes socialistas que remitiron as súas solicitudes para ter reunións

Pleno da Deputación de Pontevedra
Pleno da Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

A portavoz do grupo provincial do PSdeG-PSOE, Ana Laura Iglesias, acusa de deslealdade ao goberno do Partido Popular por non recibir na Deputación de Pontevedra a 15 alcaldes socialistas que remitiron as súas solicitudes para ter reunións.

Ana Laura Iglesias criticou ao goberno provincial e definiu esta situación como "hipocrisía, cinismo e, no mellor dos casos, outro flagrante incumprimento dos seus propios compromisos". 

En rolda de prensa, Ana Laura Iglesias e a viceportavoz do PSOE e alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, avanzaron que levarán "o desprezo do goberno a estes concellos" ao pleno do venres e denunciaron "este novo alarde de deslealdade institucional, que non só se fai por criterios partidistas ás alcaldías do PSOE senón a toda a veciñanza". 

"O DESPROPÓSITO DE + CONVIVENCIA"

Na rolda de prensa, a portavoz do PSdeG-PSOE denunciou tamén o "escándalo" que está a ocorrer co programa ‘+ Convivencia’, que agora "carga" ás asociacións solicitantes toda a tramitación e agora teñen que: "facer unha memoria, xestionar medios de transporte, guías turísticos oficiais, restaurantes, seguros e asumir calquera responsabilidade". E ademáis, engadiron, incrementou o custo.

INFRAESTRUTURAS

O grupo provincial socialista presentará no pleno do próximo venres dúas mocións de infraestruturas para falar das estradas autonómicas e provinciais. Respecto á rede viaria que depende da Xunta, o PSdeG-PSOE instará ao pleno da Deputación a esixir ao goberno que preside Alfonso Rueda un plan integral de mellora do firme e a adopción de medidas de seguridade nas estradas autonómicas que se sitúan á cabeza da sinistralidade na provincia. 

Tamén que se reclame á Consellería "que rematen as diferencias partidistas no tratamento das estradas en función da cor política dos concellos polos que discorren". 

En canto á rede provincial que xestiona a Deputación, o grupo socialista esixe ao goberno presidido por Luis López que retome os proxectos de mellora das vías provinciais que deixou en marcha o anterior executivo e que presenten no prazo de tres meses a planificación das actuacións a desenvolver, especialmente nos núcleos rurais e urbanos.